Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC agarda que se repare dunha vez por todas a honra de Xosé Humberto Baena

Written By MpDC on 18/2/10 | 13:50

A familia do último fusilado polo réxime franquista, Xosé Humberto Baena Alonso, escribiu novamente ao Presidente do Goberno reclamando a anulación do xuízo polo que foi condenado á morte no ano 1975, sen unha soa proba na súa contra e considerando que todo foi unha “farsa macabra para dar un escarmento” nos delicados momentos que se estaban vivindo.

A recente contestación do Ministerio da Presidencia é a seguinte: Contesto ao escrito que dirixiu ao Presidente do Goberno, e comunícolle que damos traslado do mesmo aos Ministerios da Presidencia e de Xustiza para o seu coñecemento. Flor Baena, leva catros anos escribíndolle ao presidente do goberno estatal sobre o asasinato do mozo vigués. A irmá do asasinado pide unha solución para o caso e a eliminación total da pena de morte na Constitución española, peticións ás que se suma o MpDC.

O Movemento agarda que desta volta si haxa unha resposta por parte do goberno central máis alá da confirmación de recepción dos escritos da familia e da transmisión dos mesmos ás autoridades competentes. Para a asociación é de dereito que se restableza -dunha vez por todas- a memoria e a honra de Xosé Humberto, asasinado e condenado sen ningún tipo de xuízo. Desde o colectivo enténdese que han ser as propias institucións democráticas as que actúen para reparar estes crimes e que, xa que non o están a facer, que faciliten o máis posíbel este trámite iniciado por familias coma a do mozo vigués.

Xuízos sumarísimos


Como denuncia a irmá de Humberto Baena, milleiros de familias pasaron pola Sala do Militar do Tribunal Supremo pedindo a revisión de condenas de morte ditadas en xuízos sumarísimos logo da Guerra Civil. Lamentábelmente, desde 2000, en todos eles e de xeito sistemático o Ministerio Fiscal opúxose á revisión dos mesmos.

O Movemento polos Dereitos Civís quere expresar unha vez máis a súa denuncia diante dunha violación tan flagrante dos dereitos civís como é o asasinato por unha ou outra crenza, así como condena expresamente o silencio e a complicidade das institucións, que deixan caer no esquecemento as memorias de milleiros de persoas coma Xosé Humberto. Ademais, a asociación quere transmitir á familia do vigués o seu apoio.

Memoria histórica

A Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, coñecida como Lei de “Memoria Histórica”, “deixounos na máis absoluta incerteza”, quéixase a irmá do asasinado polo franquismo. Somos un caso único entre as vítimas dos xuízos inxustos do Franquismo, que seguimos loitando para conseguir “verdade, xustiza e reparación”, di.

Neste sentido, o Movemento non pode senón adherirse á solicitude de aplicación da dita lei para que se recoñeza o dereito de familiares e vítimas directas de violacións de dereitos humanos cometidas durante a Guerra Civil e do réxime franquista, como é o caso, a saber a verdade sobre os seus seres queridos e a obter xustiza e reparación. Segundo a Lei Orgánica do Poder Xudicial, só se pode presentar un novo recurso no Supremo se se achegan novas probas, o cal non é o caso. O único camiño é a posibilidade de recorrer ante a ONU.

0 comentarios:

Publicar un comentario