Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC agarda que o Concello de Pontedeume reflexione antes de instalar cámaras

Written By MpDC on 24/2/10 | 14:37

O Movemento polos Dereitos Civís vén de presentar un escrito ao Concello de Pontedeume, a raíz do coñecemento de que a dita institución pediu presuposto a varias empresas sobre o que custaría o servizo de vídeovixilancia en varios puntos do centro da cidade.
O Concello de Pontedeume cre que coa instalación das cámaras aforrará nos gastos de arranxos derivados dos actos vandálicos ao igual que sucede, segundo o alcalde de Pontedeume, noutros países de Europa e outras zonas de España onde está medida “está funcionando”, alegan.
A experiencia do MpDC di que as cámaras resultaron de moi dubidosa utilidade noutras cidades e concellos galegos, e neste asunto que nos ocupa, as cámaras servirían como moito para identificar aos culpables e de ningún xeito para evitar o roubo ou desperfectos nas mesmas, é sinxelo ocultar o rostro para evitar unha cámara, pero esa mesma cámara recolle día a día a vida diaria de cantos pasan pola zona, invadindo a súa intimidade e os seus dereitos.
Polo tanto, o Movemento responde ás afirmacións sinalando que a única forma de que fora efectiva a instalación de cámaras de vídeovixilancia sería contratando policía local que vixiase as pantallas as 24 horas do día e dando aviso en tempo real. Todo isto suporía un gasto moito maior que o dedicado aos arranxos vandálicos.
Medidas perigosas
O carácter perigoso e limitativo dos dereitos deste tipo de medidas de seguridade figura expresamente recollido nos preámbulos da normativa vixente (LO 4/1997, de 4 de agosto; RD 596/99 de 16 de abril) e nas resolucións da Axencia Española de Protección de datos.
O MpDC resalta a importancia de que, ao seren cámaras que rexistran permanentemente o que acontece na vía pública, precisan cumprir todos os requisitos que recolle a Lei Orgánica 4/1997 e o seu Regulamento de desenvolvemento, que se traducen en garantías para os cidadáns e que sen eles as cámaras pasan a vulnerar os dereitos da personalidade dos individuos, en lugar de salvargardalos.
O Movemento destaca, entre os requisitos da Lei Orgánica, que é necesaria a preceptiva autorización da Delegación do Goberno, así como o informe favorable da Comisión de Garantías que han de ser anteriores á súa instalación. No seu preámbulo a Lei Orgánica 4/1997, de 4 de agosto, pola que se regula a utilización de videocámaras polos corpos e forzas de seguridade en sitios públicos recóllese: “Agora é oportuno proceder á regulación do uso dos medios de gravación de imaxes e sons que veñen sendo utilizados polas Forzas e Corpos de Seguridade, introducindo as garantías que son precisas para que o exercicio dos dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución sexa máximo e non poida verse perturbado con un exceso de celo na defensa da seguridade pública”.
Forzas e corpos de seguridade
Por outra banda no artigo 6 da dita Lei Orgánica no que se regula a utilización de videocámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade -que son os únicos autorizados a instalaren cámaras en lugares públicos- recóllense os principios que deben presidir a utilización das cámaras, afirmando que é necesaria a proporcionalidade, que se traduce en: idoneidade, é dicir, que so se poden usar videocámaras cando resulte adecuado para unha situación concreta, como por exemplo para o mantemento da seguridade cidadá, e en intervención mínima, é dicir, que exista ponderación entre a finalidade perseguida e a posible afectación pola utilización da vídeo cámara os dereitos á honra, propia imaxe e intimidade.
O Movemento polos Dereitos Civís solicita, xa que logo, ao Concello de Pontedeume, que se absteña de instalar cámaras de vídeovixilancia sen cumprir cos requisitos esixidos polas normas, é dicir, sen cumpri co principio de proporcionalidade, sen ter a autorización da Delegación do Goberno e o informe favorable da Comisión de Garantías e que respete o dereito á intimidade dos seus cidadáns. Ademais, desde o colectivo pídese igualmente que esta institución teña en conta eses dereitos á hora de considerar outros sistemas para controlar as rúas para que, por un lado, a efectividade sexa maior e, polo outro, que as persoas non vexan afectadas as súas liberdades e dereitos.

0 comentarios:

Publicar un comentario