Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC acusa ao Concello do Grove de prevaricación

Written By MpDC on 9/2/10 | 13:12

O Movemento polos Dereitos Civís non sae do seu asombro e anuncia que recorreu o auto do Xulgado de Instrución nº 4 de Cambados que considera a denuncia efectuada recentemente polo colectivo coma de prevaricación urbanística cando fai referencia á situación de desagravio que padece o Club Piragüismo Ogrobe.

O Movemento anuncia que denunciará ao Concello do Grove por un delito de prevaricación do artigo 404 do actual Código Penal, que sinala: “A autoridade ou funcionario público que, a sabendas da súa inxustiza, dite una resolución arbitraria nun asunto administrativo castigaráselle coa pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por tempo de sete a dez anos.”

Hai que sinalar que, en contra do que dispón o Auto de 18 de novembro de 2009, en ningún momento o Movemento formulou denuncia por prevaricación urbanística. O colectivo non entende o motivo de que o Xulgado de Instrucción nº 4 de Cambados reflexe o termo urbanístico, cando non foi obxecto de denuncia por esta parte.

Ademais, e como o Xulgado di non ver ningún delicto urbanístico -evidentemente- anuncia o arquivado do procedemento, feito que o MpDC, polo desenvolvemento dos trámites procesuais, entende que carece de amparo legal e prexudica os intereses do Club Piragüismo Ogrobe, dado que non se levaron a cabo as mínimas dilixencias indispensábeis para a averiguación, natureza e circunstancias dos feitos denunciados. Así as cousas, a asociación denuncia a infracción que conleva a indefensión do Movemento polos Dereitos Civís e ó Club Piragüismo Ogrobe ante os danos que lles ocasionaron os feitos. Curiosa manobra de sobreseimento do caso cando o Concello tiña todas as de perder.

O Movemento asegura que o Xulgado non efectuou as averiguacións necesarias para comprobar a existencia da mínima actividade delictiva por parte do Concello do Grobe nin para afirmar, por outra parte, que a asociación denuncia un delicto urbanístico. Polo tanto, o dereito á tutela xudicial efectiva vese vulnerado ao acordar o sobreseimento provisional e o arquivo das actuacións.

Baixa ilegal no Redim

O Concello do Grove e o seu concelleiro de Deportes solicitaron no seu momento ao Club Piragüismo Ogrobe documentación non requerida no Regulamento Orgánico do concello para poder inscribirse no Rexistro de Entidades de Interese Municipal (REDIM), feito que foi denunciado polo Movemento.

O artigo 27 do Regulamento di que “en todo caso, a efectos de que continúe a vixencia da inscrición, todas as entidades rexistradas no REDIM, terán que presentar no concello a finais de cada ano e antes do 30 de xaneiro do ano seguinte, unha memoria das actividades e actos realizados no transcurso do ano, así como do número de socios no 31 de nadal ó igual que as modificacións producidas na composición da xunta.”

A administración grovense solicitou ademais a “copia compulsada da acta da última asemblea ou certificación da mesma firmada polo presidente e o secretario da asociación”.


O MpDC entende que a solicitude da documentación anteriormente sinalada supón unha
intromisión ilexítima por parte do Concello do Grove nos asuntos privados da entidade deportiva. Ademais, o colectivo entende que o feito de o alcalde do Grove ditar esas resolucións a sabendas da súa inxustiza e de que as mesmas son contrarias a dereito co único obxectivo de, aos ollos do MpDC, causar un mal e un prexuízo ao Club Piragüismo Ogrobe como eliminalo do REDIM coas consecuencias que iso trae -entre elas a supresión das subvencións e o non poder gozar das instalacións do Concello- son un claro acto de mala fe por parte do rexedor.

Mala fe e escuros intereses

O MpDC considera que o alcalde do Grove apoiado polo secretario do Concello, quere que o concelleiro de deportes, José Alfredo Bea García, poida impedir a utilización das instalacións municipais ao Club Piragüismo Ogrobe, dado que el presidiu o Breogán Clube ata datas recentes e este é rival deportivo do Club Piragüismo Ogrobe. Ademais Bea García é o presidente do comité técnico da Federación Española de Piragüismo. Esta situación xa foi denunciada pola entidade deportiva ante o Valedor do Pobo por entender que podería existir unha incompatibilidade entre os cargos que sustenta.

O Movemento polos Dereitos Civís ve, por un lado, unha prevaricación por parte do Concello do Grove ao esixir unha documentación que non vén especificada nun regulamento municipal e por outra ve como o xulgado nin se preocupa en ler os casos e dicta sentencia ao chou, beneficiando neste caso á administración.

Desde o Movemento polos Dereitos Civís solicitamos que o xulgado de Cambados -practicando as probas necesarias- acredite a existencia dun delito por parte do Concello do Grove obrigue a este a retificar e acoller ao Club Piragüismo Ogrobe no REDIM, como é de lei.

0 comentarios:

Publicar un comentario