Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Entrevista ao Foro Galego de Inmigración

Written By MpDC on 8/2/10 | 10:46


* En que condicións viven os inmigrantes na Galiza?

Hai diferenzas segundo a situación. En xeral viven como o resto das persoas que desenvolven actividades económicas de baixa cualificación e con malas condicións laborais. As persoas en situación de irregularidade administrativa teñen unha situación moito máis complicada. En xeral sofren unha notable discriminación a nivel laboral e social, e logo hai situacións moi duras como as das mulleres obrigadas a prostituirse ou noutra liña as das empregadas de fogar internas con soldos miserables, por exemplo. O incremento do desemprego no último ano e medio por mor da crise económica afecta a este colectivo tamén: adoitan vivir ao día, porque envían remesas as súas familias e teñen que pagar as débedas da viaxe e polo tanto soportan peor a falta de ingresos. Pero, por outra banda son traballadores e traballadoras que se adpatan con facilidade a cambios no mercado laboral: actividade, lugar xeográfico, etc

* Faise algo para mellorar a situación dos migrantes, desde o Goberno Autonómico?

En realidade moi pouco. Nós temos a experiencia dos gobernos anteriores do PP, do Bipartito, que xerou certa ilusión de cambio, e agora do goberno Feijoo. Sempre foi un tema menor,que espertou pouco interese, polo que non se desenvolve unha política planificada e integrada para este colectivo. Ademáis mesturase moito coas políticas dirixidas cara a emigración galega no exterior. Hai que ter en conta que aínda que as políticas de estranxeiría son competencia estatal, no campo dos servizos públicos, case todos transferidos, podería facerse moito máis pola integración do colectivo e pola promoción dunha sociedade intercultural.

* Cales son os principais problemas cos que se atopan os inmigrantes no noso país?.

Os mesmos que os nativ@s: traballo, vivenda, acceso a servizos públicos de benestar social, etc. A maiores o tema da documentación, pola dificultade en conseguila e tamén, sobretodo agora en tempos de crise, de mantela. Hai que ter en conta que @s estranxeir@s para renovar as súas autorizacións teñen que xustificar que teñen traballado na etapa anterior de duración da autorización e que teñen nese momento unha actividade laboral. En realidade como en calquera outra parte do Estado Español, o principal problema é a propia Lei de Estranxeiría, fondamente restrictiva. Nalgúns caso pode haber problemas pola lingua, as diferenzas culturais, etc. Pero isto en realidade se supera con facilidade en pouco tempo.

* Que tipo de apoio ofrece ao colectivo inmigrante o Foro Galego de Inmigración?.

O Foro Galego de Inmigración está conformado por entidades moi diversas. Algunha prestan servizos de asesoramento, mediación, axuda para a inserción laboral, axudas asistenciais, etc. Outras, servizos culturais, educativos, espazos de convivencia común, etc. En global, como Foro queremos representar as demandas do colectivo diante das administracións públicas e da sociedade. Servir de espazo de intercambio de experiencias. Ofertar apoio técnico as asociacións de migrantes para favoverecer o seu desenvolvemento. Servir da canle para denunciar situacións de discriminación e finalmente promover unha sociedade galega intercultural

* Os estranxeiros adoitan denunciar cando se atopan nunha situación precaria?

Resulta complicado. Nós no Foro este ano desenvolvimos un espazo específico de denuncias que tivo bastante resposta por parte do Colectivo. Insistimos moito na necesidade de denunciar situacións de explotación laboral e ou sexual; violencia de xenero, etc. Pero tamén situacións como os abusos nos alugueiros de vivenda ou os tratos pouco correctos ou discriminatorios das administracións públicas ou das forzas de orde pública. Para nós como Foro é un obxectivo fundamental estender a conciencia de que é imprescindible denunciar calquera situación de discriminación. Pola mesma situación en sí e para evitar que poidan repetirse situacións similares.

* As súas queixas son escoitadas por parte das administracións?.

En xeral, resulta complicado, aínda que algúns resultados temos. Con todo para nós o importante é visibilizar, facer públicos os abusos e cando se trata de actuacións delictivas, interpoñer as correspondentes demandas xudiciais. As administracións non adoptan recoñecer erros e tenden a protexer aos seus profesionais, polo que é complicado conseguir cambios de comportamento. Ou dar volta a actuacións xa feitas. Para nós o importante é a concienciación social para evitar actuacións discriminatorias e que o propio colectivo poida sentirse apoiado e respaldado.

* Existen varios termos para definir o fenómeno de coexistencia de diferentes culturas nunha mesma cidade , multicultural, intercultural, pluricultural. Cal creedes que define mellor o fenómeno?


Sen dúbida, INTERCULTURAL. Somos culturas e experiencias persoais e grupais diferentes que nos relacionamos nun determinado espazo e que conformamos unha nova sociedade intercultural, con culturas que interactuan entre elas e rematan por conformar unha cultura nova, distinta. Non se trata de integrar, nin de tolerar, senón de interactuar en igualdade de condicións e dereitos. Isto último é o que non sucede agora, desafortunadamernte.

* Que opinión lle merece a Lei de Extranxería que entrou en vigor fai un mes?

Moi negativa en xeral. Aínda que ten aspectos positivos, como a autorización de traballo para as persoas residentes reagrupadas, tende a criminalizar ao colectivo e mesmo as persoas e entidades que tentamos axudar ao colectivo en situación de irregularidade administrativa e aí temos o caso da nosa compañeira Laura Bugallo. Limita o reagrupamento familiar e pretende facer a vida moito máis dura ás persoas en situación de irregularidade administrativa, “ a cambio” de dotar de máis dereitos aos regulares. Pero isto ten “trampa”, porque a razón da Reforma é que o Tribunal Supremo obrigou a recoñecer dereitos para este colectivo e con esa desculpa, aproveitaron para introducir outras medidas restrictivas e de control, incluíndo o absolutamente inaceptable aumento do prazo nos centros de internamento (auténticas cadeas, que había que eliminar sin máis) a 60 días. Non podemos esquecer tampouco que a política de inmigración a nivel da UE é moi restrictiva e tamén no ano 2009 aprobouse a chamada “Directiva da Vergoña”, polo que o futuro das políticas migratorias en Europa semella moi negativo no referente a garantía de cumprimento dos deereitos humanos.

* Que consecuencias poden acarear para os inmigrantes as propostas dalgúns concellos ante o empadroamento dos sen papeis?

Para estas persoas é unha cuestión básica. Eu digo estes días sempre que me preguntan, que se querían buscar o medio de facer o máis difícil posible a vida destas persoas, atoparon o mellor. Empadroarse é imprescindible para acceder a servizos básicos (colexio, sanidade, benestar social, etc), pero tamén para calquera da multitude de tramites administrativos que teñen que cubrir as persoas inmigrantes. Impediría tamén a súa regularización posterior. Ademáis, no caso de Vic, a mensaxe está clara: agora que temos crise, e parece que non hai para todos e todas, primeiro para @s de “aquí” e os de “ala”, que se marchen porque sobran. Esta mensaxe é terrible, pero parece a única explicación “razoable” para actuacións deste tipo. Esquecemos, tamén, que se nesa localidade a porcentaxe de poboación inmigrante era moi signficativa, isto tiña que ver co forte desenvolvemento económico desa zona non últimos anos. De tódolos xeitos, e a pesar de que algúns grupos políticos aproveitaron para voltar a meter o tema da inmigración no debate político e social como un problema a resolver, pensamos que non se van xeralizar este tipo de iniciativas. No plano positivo indicar que a resposta política e social foi contundente en contra desta Proposta.

Miguel Fernández Blanco/ Voceiro do Foro Galego de Inmigración.

0 comentarios:

Publicar un comentario