Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereito á información e liberdade de expresión, cifras para alarmarse

Written By MpDC on 17/2/10 | 13:38

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer que 71 xornalistas foron asasinados no exercicio da súa profesión en 2009. Ademais, 165 xornalistas atopábanse en prisión a finais de 2009, 40 máis que en 2007. Estas cifras caen coma un xerro de auga fría no que aos dereitos civís se refire, primeiro porque persoas morren e son privadas de liberdade realizando o seu labor e segundo porque a liberdade de expresión e o dereito á información foron e son sistematicamente violados.

O Comité para a Protección dos Xornalistas (CPJ) acehgou estes datos no día de onte e é o número máis alto de vítimas contabilizado por esta organización en 18 anos. Ademais, a dita asociación pon en alerta asimesmo sobre o "notable aumento da represión" en países como Irán, o que fixo do 2009 "o peor ano en case catro décadas" para a liberdade de prensa no mundo, o que supón un aumento notable respecto de 2008, cando se rexistraron 42 decesos. Ante estes datos, o MpDC pregúntase onde está a seguridade, onde está a protección ás e aos informadores e onde está a Xustiza que deixa totalmente impunes asasinatos e vulneracións flagrantes dos dereitos e liberdades das persoas.

A organización destaca no seu informe "Ataques á prensa en 2009" que o arresto de 90 comunicadores en Irán tras as eleccións presidenciais, a masacre de 31 xornalistas en Filipinas ou as restricións á liberdade de prensa en Latinoamérica e outras rexións auguran un futuro "sombrío" para a prensa. O informe denuncia tamén a intimidación a xornalistas por parte de bandas criminais, o que creou un baleiro informativo contra o narcotráfico que se libra no norte de México, entre outros casos.

Non podemos agardar ao 3 de maio para falarmos sobre a liberdade de expresión. Todos os días no mundo se producen silenciamentos, mortes, apreixamentos, censura..., sen ir máis lonxe na radio pública galega cando fai uns días traballadoras e traballadores foron reprendidos por unha superiora ao se interesaren por unha actuación neglixente de outros deles no que ten a ver coa manifestación de Queremos Galego do pasado 21 de xaneiro. O Movemento alza a voz contra todos eles, facéndose eco da desprotección das e dos informadores á hora de realizaren o seu traballo.

A impunidade de moitos gobernos, a vil forma de enmascarar realidades e de tapar responsabilidades fan que a vulnerabilidade dos e das xornalistas sexa algo á orde do día. Sorprende ver como se pode desvirtuar a funcionalidade propia dun dereito fundamental. Todos comprendemos perfectamente a importancia da existencia de medios de comunicación plurais e independentes. Esta é parte da herdanza máis palpábel logo de máis de tres séculos de reivindicacións pola liberdade de opinar, de recibir ou comunicar información, afirmou o pasado 3 de maio o voceiro do MpDC, Renato Núñez.

Non é importante, dixo o responsábel do Movemento, que os xornalistas sexan maltratados mentres cobren a información que se lles encomenda (nas protestas de Reganosa ou en Barcelona), chegando a casos extremos nos que son asasinados (Xosé Couso), non importa que a cidadanía lea ou escoite esta información de forma apresurada mentres almorza ou toma un café sen poder facer, xa que logo, una análise exhaustiva do que se lles di e confiando na profesionalidade destes medios.

Nesta reflexión de Renato Núñez queda claro que “o único imporante é a finalidade que se pode lograr coa información difundida”, sen miramentos. É aquí cando as vidas das persoas se devalúan no exercicio do seu traballo pola voráxine informativa e a desidia dos gobernos e da comunidade internacional, que asiste impasíbel a estas vulneracións dos dereitos civís. Neste caso coma nos outros, o MpDC non pode calar.

0 comentarios:

Publicar un comentario