Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Caixas de Aforros, un debate manipulado

Written By MpDC on 20/2/10 | 11:30

A crise económica actual que nace, entre outras causas, no sistema financeiro, ten a súa orixe nas políticas desreguladoras postas en marcha nos anos oitenta por Ronald Reagan e Margaret Tacher. Se había un sistema claramente liberalizado e sen regras ese é o financeiro, non é casual, polo tanto, que estivera no epicentro da crise.

Os gobernos de todo o mundo afrontaron plans de rescate multimillonarios con cargo ao erario público: era salvar os bancos, para salvar o sistema capitalista.

Dentro das políticas neoliberais, Margaret Tacher impulsou nos anos 80 a privatización das Caixas de Aforros da Gran Bretaña, un camiño que seguiron posteriormente este tipo de entidades na maior parte da Europa, onde tamén foi privatizada a Banca Pública.

Dende aquela, son numerosas as presións para que as Caixas do Estado español sexan privatizadas. É certo que nalgúns países como Alemania, perviviron as caixas, pero en ningún caso coas cotas de mercado destas entidades no sistema financeiro estatal e galego.

As caixas necesitan hoxe recapitalizarse, o froito amargo dunha xestión cuestionable. Grazas a facilidade de aceso ao financiamento maiorista externo sobreendebedáronse, sobreexpoñéndose pola vía do creto e dos investimentos no sector do ladrillo.

O incompetente e ultraliberal gobernador do Banco de España, que nada fixo para evitar esta situación, recibiu agora do Goberno central todos os poderes para reestruturar o sistema financeiro a través do Decreto 9/2009 coñecido como FROB. As entidades precisan axuda, pero para recibila deberán someterse aos designios do fracasado supervisor. Senón, sempre queda a ameaza da intervención.

O Banco de España pretende reducir as caixas de aforros das 47 actuais a 10 ou 15, e, posteriormente, a 5. Na súa visita a Vigo tamén anunciou que o Goberno central sacará unha norma para que “estas entidades podan captar recursos propios como fan os bancos co seu capital”. Concentrar para privatizar.

No mapa financeiro deseñado dende o Ministerio de Economía e o Banco de España, as Caixas Galegas estaban chamadas a desaparecer en procesos de fusións con caixas de fóra de Galiza.

Este é o debate real, as entidades non poden seguir en solitario por imposición do Banco de España e o Goberno do PSOE se non chegan aos 50.000 millóns en activos, o único xeito de seguir mantendo caixas galegas é unha fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Unha opción que trastoca todo o deseño realizado concienzudamente nos despachos de Madrid.

O nacionalismo político e sindical defende que os aforros dos galegos e galegas sexan xestionados dende Galiza, para crear riqueza e emprego no país, e para que os beneficios revertan na sociedade a través da Obra Social. É por iso que dende a CIG, fronte a un sistema totalmente neoliberal que entrou en creba e tivo que ser rescatado con diñeiro público, deféndese un control público e democrático sobre un sector económico estratéxico.

Por iso apoiamos a fusión das caixas galegas, para que contemos con entidades baixo control público e sen accionistas privados. Do contrario teremos outro banco máis e malia que digan que o capital non ten patria, non é o mesmo onde rematen os excedentes.

Clodomiro Montero-Secretario nacional CIG-Banca

0 comentarios:

Publicar un comentario