Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Bolivia non camiña soa

Written By MpDC on 21/2/10 | 11:30

Transcurridos algo menos de dous meses das eleccións presidenciais, que outorgaron a Evo Morales a renovación do seu mandato á fronte do Estado Plurinacional de Bolivia, poucas son as valoracións políticas sobre o impacto rexional e global que isto xerará. A prácticamente nula cobertura mediática que os mass media occidentais outorgan a procesos desta embergadura manifesta, dunha banda, o papel residual que a política latinoamericana continúa a ter na configuración da axenda internacional dos Estados do chamado “primeiro mundo”, así como unha clara tentativa de silenciar as potencialidades dun proceso que afortala a construcción de proxectos alternativos e transformadores, nun momento en que a crise que atravesa a economía mundial manifesta de novo a inviabilidade do sistema capitalista.

Evo Morales, á cabeza do MAS (Movemento ao Socialismo) afronta hoxe con renovado apoio popular o desafío de refundar o Estado de Bolivia, desde unha perspectiva plurinacional e comunitaria, conformando un novo mapa institucional que será a base sobre a que construir o seu proxecto social.

As reformas en marcha afectan ao corazón mesmo do Estado, desde o marco autonómico –co recoñecemento das autonomías indíxenas que supoñen a institucionalización da plurinacionalidad recoñecida constitucionalmente- pasando pola modificación dos órganos executivo, lexislativo e xudicial, a mudanza de réxime electoral asi como a procura dunha outra relación entre a sociedade civil e o Estado, incentivando a participación política de base como camiño cara a consolidación dunha verdadeira democracia participativa.

O inédito apoio acadado polo Movemento ao Socialismo suma un argumento máis que evidencia a febleza das críticas que os teóricos das democracias liberais botan sobre Evo Morales e o seu goberno, tentando deslexitimar a opción que o pobo apoiou masivamente, outorgándolle a maioría absoluta nas dúas cámaras lexislativas existentes, algo fundamental á hora de poñer en marcha a maquinaria que posibilite a implementación das novas institucións e, en definitiva, o funcionamento do novo Estado.

Bolivia enfronta hoxe o reto da consecución dunha economía afortalada que permita levar ao cabo a ampla axenda de proxectos sociais que o pobo precisa, sen caer en tendencias de corte desarrollista nin incurrir nunha sobreexplotación dos seus recursos naturais. Neste desafío o Estado presidido por Evo Morales non se atopa só: camiña da man doutros gobernos que, desde a periferia do sistema, construen alternativas sólidas alicerzadas no pobo; a forza destes proxectos aumentará na medida en que sexan quen de erguer unha voz conxunta; para este fin, contan cun importante instrumento de integración rexional de selo antiimperialista e popular, en marcha baixo as siglas do ALBA (Alianza Bolivariana para los Pueblos de Nuestra América), que une, entre outros, Bolivia, Cuba, Venezuela, Nicaragua e Ecuador, e que construe imparábel unha alternativa en América Latina que é voz dos pobos oprimidos e símbolo de dignidade e loita.

Laura Arjonilla/Palitóloga

0 comentarios:

Publicar un comentario