O Movemento polos Dereitos Civís denuncia que o Concello de Neda teña a intención de instalar 15 cámaras de videovixilancia en edificios públicos sen ter un informe favorable da Comisión de Garantías e a pertinente autorización da Delegación do Goberno. Estas dúas medidas supoñen o respecto pola legalidade vixente e un mínimo de garantías xurídicas para os dereitos á intimidade, honra e propia imaxe recollidos na Constitución española.
Como vén denunciando o Movemento, moitos concellos galegos continúan a vulnerar os dereitos á intimidade e á propia imaxe dos cidadáns instalando cámaras de videovixilancia sen contar coas autorizacións que esixe a Lei Orgánica 4/1997 e coa complicidade da Delegación do Goberno, institución que aplica a política de feitos consumados outorgando as licenzas a posteriori en lugar de esixir a retirada dos dispositivos.
Ao MpDC indígnao enormemente a actitude polo Concello de Neda, cando asegura que instalará as cámaras do mesmo modo que o fixo o Concello de Ares. Recordamos que o Concello de Ares xa fora denunciado polo MpdC por instalar cámaras de videovixilancia sen os permisos pertinentes. Deste xeito, o Movemento non entende como o Concello de
Neda se atreve a instalar cámaras de videovixilancia sabendo que é ilegal e que os concellos que o fixeron xa foron denunciados. Desde a asociación cremos que a administración de Neda pretende rirse da Xustiza e da sociedade, apoiándose na incompetencia da Delegación do
Goberno.
Os concellos xustifican o seu modo de proceder alegando que a Delegación do Goberno lles pon moitas dificultades a hora de conseguir as autorizacións pertinentes, polo que eles deciden ter primeiro as cámaras instaladas e despois xa pedirán os permisos. Todos eles ven na videovixilancia un efecto disuasorio ante os ataques vandálicos que sofren as instalacións públicas destes concellos.
Sen embargo, un requisito indispensable para o emprego da vídeo-vixilancia e a proporcionalidade no seu uso. O beneficio que supostamente se acadaría coas cámaras, atallar uns actos de vandalismo que non unha criminalidade difusa e ameazante, dificilmente resultan proporcionais en relación coa violación sistemática dos dereitos fundamentais derivada da instalación de 15 cámaras. Milleiros de persoas serán gravadas cada día polas cámaras, vendo expostos o seu dereito á intimidade, á honra e á propia imaxe.
Ademais, a efectividade das cámaras, a súa adecuación para o fin perseguido polo Concello, está moi en entredito dados os resultados acadados noutras vilas galegas. Así, as cámaras non servirían para evitar a comisión de actos vandálicos, senón unicamente e no mellor dos casos para identificar aos autores, sempre que estes non opten pola sinxela medida de ocultar os seus rostros. Cómpre insistir en que a vídeo-vixilancia é unha medida extrema, a utilizar en casos moi concretos, e non está prevista pola Lei coma substituto da presenza policial.
E ademais esta demostrado que a presenza de cámaras pode desprazar as infraccións e delitos a outros lugares.
O MpDC está convencido de que este é o exemplo que están dando as administracións ao non sancionar as instalacións ilegais das cámaras dedicadas a videovixilancia: fomentan entre os concellos a instalación de cámaras sen control, co resultante abuso e consecuente vulneración os dereitos á intimidade.
Cabe que lembrar que as cámaras que quere instalar o Concello, por “vixiaren” a vía pública están sometidas á Lei 4/97 de videovixilancia. Isto implica que o dispositivo debe ser instalado e xestionado por Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e, en ningún
caso por outros funcionarios municipais ou persoal de empresas privadas.
Desde o Movemento esiximos que as administracións tomen cartas no asunto e comecen dunha vez por todas a facer cumprir a lexislación vixente, impedindo que prácticas como a que están a levar os Concellos de Neda e As Pontes e Ares continúen a ser habituais e por fin entren a cordura e o respeto á legalidade e á cidadanía como prioridades para
os concellos.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario