Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC apoia a “Treme a Terra” na súa queixa contra o Concello de Pontedeume

Written By MpDC on 28/1/10 | 12:47



O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer a queixa que fixo pública a asociación cultural “Treme a Terra” contra o Concello de Pontedeume por este non lle permitir desenvolver plenamente o seu labor.

Desde o Movemento considérase que a actitude do Concello de Pontedeume reduce enormemente a liberdade de asociación e tamén merma as posibilidades de execución de novas propostas culturais por parte de Treme a Terra na vila. A asociación leva uns anos vendo como a contía da súa subvención como asociación cultural diminúe, chegando ao punto de que aínda non cobraron a do ano pasado.

O MpDC ve este feito como unha medida de presión por parte do Concello de Pontedeume para indirectamente obrigar o colectivo a renunciar á súa actividade cultural. Como é ben sabido, as asociacións culturais teñen unha grande dependencia das subvencións municipais para poderen desenvolver as súas actividades. A desaparición da subvención podería levar consigo a desaparición da asociación dado as limitadas opcións de ingresos das que dispoñen.

O Concello de Pontedeume tén que ter en conta que Treme a Terra leva máis de trece anos dinamizando a cultura na súa vila, por medio de concertos,exposicións fotográficas, conferencias ou actividades que axudan a non esquecer as nosas raíces e a nosa verdadeira identidade e que axudan a pluralizar e aumentar as actividades culturais do municipio. Por todo isto e independentemente do carácter da asociación, o concello ten que apoiar as actividades desenvolvidas por este colectivo e non interferir na realización das mesmas negando o uso das instalacións municipais.

O Movemento polos Dereitos Civís confía en que Treme a Terra non teña que chegar a pedir responsabilidade patrimonial ao Concello de Pontedeume por limitar o dereito de asociación.

0 comentarios:

Publicar un comentario