Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Mesa lamenta a campaña de demonización da asociación seguindo o principio de “difama, que algo queda”

Written By Virgulino on 5/7/09 | 16:55

Perante as informacións publicadas hoxe por La Voz de Galicia e a TVG, A Mesa pola Normalización Lingüística quere sinalar:

Todos os convenios asinados pola Mesa pola Normalización Lingüística son públicos, de acordo co estipulado pola Lei de transparencia, e atéñense plenamente á legalidade, cumprindo con todos os trámites e principios éticos. A actual conselleira de Economía e Facenda, Marta Fernández Currás, que como é sabido foi interventora xeral da Xunta durante un ano na pasada lexislatura, pode dar testemuño do mesmo.

A Mesa non recibiu financiamento do Goberno galego para infraestrutura (como si recibiron e reciben outras asociacións con moita menos afiliación e actividade) nin para a súa liña de traballo reivindicativa, senón para proxectos concretos, presentados perante os medios de comunicación: o Correlingua en que participan máis de 40.000 rapaces cada ano, o Voluntariado de Activación Lingüística no que participaron máis de 1.000 persoas (e polo cal a Xunta recibiu unha axuda europea superior ás cantidades conveniadas coa Mesa nestes anos), campañas de sensibilización nos diferentes ámbitos, edición da revista mensual Longalingua etc.

En ningún caso A Mesa recibiu diñeiro público para comprar traxes de luxo nin desviar diñeiro ás Illas Caimán nin tivo axudas para certificar fraudulentamente obras inexistentes, aspectos todos eles realmente de gravidade.

A Mesa é a maior asociación cultural de Galiza cos seus máis de 3.500 socios e socias. Era unha irregularidade manifesta que esta asociación ficase excluída das axudas públicas e de desenvolver proxectos para as administracións a pesar das súas dimensións e da súa capacidade de actividade, demostrada nos seus 23 anos ininterrompidos de accións de reivindicación, sensibilización e promoción do galego en ámbitos nos que está discriminado ou excluído, amén do seu creto como entidade pertencente á Axencia Europea de Linguas Menos Estendidas, con rango de entidade consultiva na ONU.A Mesa lamenta as listas negras en que estivo inscrita durante os anteriores mandatos do PP e que agora parece que se van repetir aínda con maior crueza. Nese sentido, cómpre lembrar que o TSXG chegou a emitir unha sentenza obrigando á Xunta gobernada polo PP a financiar a asociación, que era a única excluída, de entre todas as solicitantes, en moitas convocatorias de axudas públicas. O PP quere, de forma sectaria, que A Mesa deixe de recibir diñeiro público, acusando esta asociación de falsas ilegalidades e demonizándoa. É a súa unha visión totalitaria, de quen quere eliminar os seus inimigos, a pesar de que o labor que estean realizando sexa de interese público. Na súa galegofobia, moléstalles A Mesa como ferramenta contra as discriminacións lingüísticas e de defensa firme do dereito a vivir en galego.

A Mesa lamenta a forma tendenciosa de ofrecer esta información para dar a entender que existiu un trato de favor por parte do bipartito ou das consellarías xestionadas polo nacionalismo, o cal falta á verdade. Nese sentido, cómpre salientar:

Non se citan ningún dos proxectos financiados, excepto a publicidade na revista Longalingua, que ademais é a publicación mensual en galego con maior tiraxe e difusión. Se recibir insercións publicitarias por parte das administracións fose delito, todos os medios de comunicación sen excepción estarían incorrendo nel, por certo moito máis que nesta revista cultural.

Nunha redacción enrevesada e salientando os datos dun único ano (mesmo como subtítulo), dáse a entender que A Mesa recibiu máis diñeiro nesta pasada lexislatura por parte do Goberno galego que a Real Academia Galega, algo que non é verdade, como ben se pode comprobar a través dos mecanismos estabelecidos pola Lei de transparencia, mesmo a través de internet. En calquera caso, A Mesa sempre defendeu o financiamento público xusto da RAG de acordo con criterios lóxicos de legalidade, representatividade e actividade, e sen contraprestacións partidarias, como agora quere facer Alberto Núñez Feijóo.

Vaise tamén contra principios básicos de ética xornalística cando se dá e salienta unha información falaz, nunca contrastada por inexistente, a pesar de que foi desmentida ducias de veces pola asociación. Referímonos á repetición de que A Mesa enviou "600 cartas ameazantes a comerciantes", que en ningún caso existiron. O mesmo se pode dicir sobre os supostos delitos que se lle apuxeron á Mesa nos medios de comunicación e que non foron respaldados por ningún tribunal, pola súa evidente falsidade, o cal non é impedimento para que algúns medios continúen xogando con esas insinuacións difamantes.

A Mesa presentará unha denuncia xudicial contra a TVG polo tratamento manipulador dado á noticia no Telexornal mediodía de hoxe e exixindo o dereito de réplica. Nun medio público como este, é máis de lamentar a manipulación, a tendenciosidade e que se dea voz unicamente a unha parte, curiosamente o concelleiro e deputado do PP Carlos Negreira, mentres nin se poñen en contacto cos portavoces da Mesa para contrastar a información.

A Mesa segue unha transparencia escrupulosa nas súas contas, someténdoas ao debate anual entre as súas socias e socios en asemblea xeral e cos convenios públicos informados a través de internet. É rechamante que, pola contra, se pase por alto o financiamento opaco de entidades creadas para atacar o galego. Así, a pesar de non contar case con afiliación, algún destes grupos declarou que ten medio millón de euros para actividades para este ano 2009 e demostra unha capacidade económica para realizar campañas mediáticas con anuncios a cor nos diarios de maior tiraxe e radios, aluguer de autobuses para percorrer toda Galiza etc que nunca A Mesa tivo, a pesar de ser a maior asociación cultural de Galiza.

0 comentarios:

Publicar un comentario