Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia o Concello do Grobe por prevaricación

Written By Virgulino on 30/6/09 | 12:54


O Movemento polos Dereitos Civís vén de presentar unha denuncia contra o alcalde e o secretario do Concello do Grobe por un delito de prevaricación contra a asociación Club Piragüismo Ogrobe. No seu momento, o alcalde do Grobe dictou unha resolución arbitraria con coñecemento da súa inxustiza que prexudicaba gravemente a dita asociación. Lonxe de rectificar, o consistorio pontevedrés insiste en solicitar tal documentación que non está contemplada na normativa imperante na materia, o asociacionismo local.

Os feitos remóntanse a decembro de 2008, cando a asociación Club Piragüismo Ogrobe presentou por escrito toda a documentación requerida e correspondente ao regulamento orgánico do Concello do Grobe para cumprir o trámite preciso para a renovación anual da inscrición das entidades deportivas no Rexistro de Entidades de Interese Municipal.

Ao escrito presentado polo clube responde o concello requerindo un certificado do número de socios asinado polo presidente e o secretario e unha copia compulsada da acta da última asemblea ou certificación da mesma asinada polos mesmos dous cargos. Pola súa banda, a asociación presentou o escrito de socios mais presentou alegacións no que respecta á acta por considerar non ser necesaria ao abeiro da normativa vixente imperante na materia.

Malia a ser esa documentación non aplicábel a este suposto, o Concello volveu reclamala novamente sen resolverse o recurso de reposición que se presentara contra a esixencia de pesentación da dita copia da acta. A máis ver, a administración local esixe agora ao Club Piragüismo Ogrobe presentar os estatutos e a memoria de actividades e actos realizados, así coma o número de socios e as modificacións producidas na composición da xunta desde o ano 1999.

O Movemento, ante tales feitos, non puido senón solicitar a nulidade de pleno dereito da resolución obxecto do presente recurso, pór en coñecemento público que o Concello vulnerou o principio de legalidade ao solicitar tal documentación e que violou tamén o principio de obxectividade, xa que a xeneralidade dos asuntos que conforman o ámbito de actuación das administracións públicas exclúe necesariamente calquera perspectiva parcial, tanto se provén da propia organización burocrática ou dos seus axentes.

Delito de prevaricación

Os feitos anteriormente reseñados son constitutivos dun delito de prevaricación tendo en conta que á autoridade ou funcionario público que, a propósito da súa inxustiza, ditar unha resolución arbitraria nun asunto administrativo castigaráselle coa pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por tempo de sete a dez anos.

En todo caso o Alcalde do Concello do Grobe, José Antonio Cacauelos Rico, dicta esas resolucións a sabendas da súa inxustiza e de que as mesmas son contrarias a dereito, co único obxectivo que causar un mal e un prexuízo a esta entidade deportiva, como é eliminala do REDIM coas consecuencias que iso trae, como é a supresión das subvencións e o non poder disfrutar das instalacións do Concello.

Ademais, comete dito delito como cooperador necesario o secretario do Concello, Francisco Javier Novoa Juiz. Este funcionario manifesta que a documentación requirida é esixible en tanto que, segundo manifesta, o artigo 27 do Regulamento Orgánico do Concello do Grobe, poderase esixir : “copia compulsada da acta da última asamblea ou certificación da mesma firmada por Presidente e Secretario da asociación”. Tal extremo é completamente falso e facilmente comprobable consultando o regulamento Orgánico do Concello publicado no BOP de Pontevedra o xoves 7 de marzo de 1996.

0 comentarios:

Publicar un comentario