Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia novamente as accións policiais contra inmigrantes na Galiza

Written By Virgulino on 29/6/09 | 12:07


O Movemento polos Dereitos Civís súmase á denuncia feita polo Foro Galego de Inmigración e Primeira Linha ante a “sistemática persecución e asedio” á que os corpos e forzas de seguridade do Estado someten a poboación inmigrante sen papeis na Galiza. Dereitos Civís non pode senón expresar publicamente a súa queixa ante o desproporcionado e o efectista destas accións policiais contra a venda ambulante nas rúas galegas.

O día a día das e dos traballadores migrantes non pasa da máis absoluta precarización, moito máis no caso de non teren legalizada a residencia no noso país. Dada a fraxilidade deste colectivo e ao pouco respeto que os corpos de seguridade teñen polas persoas, accións coma a acontecida na Coruña e tantas outras veces en diversos puntos do país sucédense sen que as autoridades pertinentes, como a Delegación do Goberno ou a Xustiza, actúen reprobando e condenando os abusos policiais.

Segundo puidemos ler no web de Primeira Linha, no caso da Coruña a policía realizou a semana pasada unha redada na rúa Real, na que detivo e incautou material a un total de sete traballadores e traballadoras inmigrantes de venda ambulante. Non é a primeira vez que isto sucede na cidade herculina, onde a policía xa ten realizado actuacións dese tipo, que adoita efectuar mediante dispositivos totalmente exagerados para deter persoas que tan só se dedican á venda na rúa.

Concentración polos dereitos das persoas

O Foro Galego da Inmigración convocou o pasado sábado en Compostela unha manifestación em contra o asedio policial que sofren as persoas migrantes no noso país. Ademais de protestar contra as últimas agresións na Coruña, o colectivo fixo tamén denuncia de varios casos recentes en Vigo e Compostela.

Entre algunhas das reivindicacións do colectivo e que o MpDC apoia atópase o cambio lexislativo da Lei de Estranxeiría no Parlamento Español e entre as denuncias, están as medidas dirixidas a discriminar e mesmo devolver aos páises de orixe á poboación inmigrante asentada en Galiza e en España considerada mera forza de traballo, agora prescindible ou a crecente persecución policial das persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa, entre outras.

0 comentarios:

Publicar un comentario