Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento volve pedir que se retiren as cámaras do colexio Rosalía de Castro do Grobe

Written By Virgulino on 16/6/09 | 11:46


O Movemento polos Dereitos Civís vén de presentar un recurso no que solicita a nulidade de pleno dereito da resolución da Delegación do Goberno de Galiza en relación á instalación das cámaras de vídeo vixilancia no Colexio Rosalía de Castro no Concello do Grobe. Ademais, o colectivo volve solicitar a retirada das cámaras de e pide, asimesmo, a condena en costas da administración demandada.

Recentemente, o Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento de que nos exteriores do Colexio Rosalía de Castro do Grobe están instaladas cámaras de vídeo vixilancia fixas, o que supón unha vulneración do dereito á imaxe, á honra e a intimidade persoal.

A instalación e funcionamento das cámaras de vídeo vixilancia debe estar presidida por unhas garantías, condicionamentos e requisitos esixidos expresamente pola normativa vixente en materia de vídeo vixilancia e que o Colexio Rosalía de Castro omitiu. O centro de ensino vulnerou a legalidade no que se refire á utilización de vídeo cámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade en lugares públicos, en relación co disposto para as autorizacións para as instalacións fixas; vulnerando os dereitos fundamentais á honra, a intimidade persoal e a propia imaxe.

Polo tanto, o MpDC solicita a nulidade de pleno dereito da resolución obxecto do presente recurso, é dicir, da Resolución da Delegación do Goberno de 12 de febreiro de 2009 en relación coa instalación de cámaras de vídeo vixilancia do Concello Rosalía de Castro do Grobe, no que respecta á solicitude efectuada polo Movemento polos Dereitos Civís sobre instalación das cámaras nos exteriores do dito colexio.

Con data de 17 de marzo de 2008, o Movemento polos Dereitos Civís envía escrito á Delegación do Goberno onde solicita, entre outras cousas, que se acredite a legalidade das cámaras instaladas nos exteriores do Colexio Rosalía de Castro, así como que se proceda á retirada das mesmas.

De acordo ó exposto, a garantía do dereito á protección de datos, conferida polas normativas de referencia, require que exista unha actuación que constitúa un tratamento de datos persoais no sentido expresado. Atendendo á normativa exposta, a captación de imaxes de persoas que transitan pola vía pública, constitúe un tratamento de datos persoais incluído no ámbito de aplicación das mesmas.
Polo tanto, segundo a lexislación vixente, a instalación deberá respectar o principio de proporcionalidade, o que supón sempre que sexa posible, adoptar outros medios menos intrusivos á intimidade das persoas, co fin de previr interferencias inxustificadas nos dereitos e liberdades fundamentais. Polo tanto, tampouco se estaría a cumprir o principio de proporcionalidade necesario á hora de instalar estes dispositivos.

En todo caso, e se o centro pretende xustificar a instalación de cámaras de vídeo vixilancia nos exteriores das súas instalacións, podería xustificarse coa contratación de gardas de seguridade, que serían menos lesivos para os dereitos dos menores. Como podemos comprobar existe unha medida menos invasiva para a intimidade dos menores e de toda persoa que a diario circula por diante do dito centro, como é o peche do portal ou incluso a contratación de gardas de seguridade. Xa que logo, o Movemento non pode se non solicitar a retirada das cámaras.

0 comentarios:

Publicar un comentario