Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento volve expresar o seu rexeitamento á actitude do Concello de Lugo

Written By Virgulino on 1/6/09 | 13:29


O consello de asociacións culturais de Lugo viu denegada, por segundo ano consecutivo, a súa petición para organizar a feira de asociacións prevista para a fin de semana que acaba de pasar. O goberno local indicou que denegou a petición debido a que “o Consello de Asociacións non ten personalidade xurídica, por non atoparse rexistrado na Xunta de Galiza. Polo que parte dun defecto de forma que fai imposible que unha administración pública o acepte", segundo recolleu o xornal El Progreso

Ante esta situación, varios representantes do consello de asociacións mantiveron unha reunión con representantes municipais e lograron o seu compromiso para organizala "máis adiante". Se ben, e con carácter de protesta, os colectivos convocantes reuníronse ás 12 horas do sábado na praza maior da cidade co obxectivo de organizaren unha pequena mostra do que podería ter sido a programación completa.

Desde o Movemento polos Dereitos Civís non se entende como unha actividade que pretende pór en valor o tecido asociativo da cidade é vetada dun xeito tan esquivo e como o feito pode repetirse. Con esa actitude, o consistorio lugués demostra ás claras o seu compromiso coa cidadanía, ademais de deixar ver tamén que a súa postura é firme contra as demandas sociais da cidade a se expresaren libremente.

O Movemento e o Concello de Lugo, unha relación tensa

O goberno municipal que dirixe Xosé Luís López Orozco anunciou nas últimas datas a instalación de 72 novas cámaras de vixilancia no centro histórico de Lugo, que veñen sumarse ás xa existentes. O obxectivo do Concello é ao parecer o de frear os actos de vandalismo contra os edificios con valor histórico e artístico da cidade. Porén, un requisito indispensable para o emprego da vídeo-vixilancia e a proporcionalidade no seu uso, xa que milleiros de persoas serán gravadas cada día polas cámaras, vendo expostos o seu dereito á intimidade, á honra e á propia imaxe.

Tempo despois, O xulgado do contencioso administrativo n. 2 da Coruña comunicou ao Movemento que o Concello de Lugo contestou a demanda interposta polo colectivo a respecto das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas na cidade. Obviando a realidade, Lugo solicita que se desestime ou retire o recurso presentado polo MpDC alundindo a fundamentos xurídicos citados de maneira despreciativa e ofensiva para o Movemento polos Dereitos Civís. Visto o visto, e tendo en conta a forma en que o Concello desestima a colectivos e asociacións que miran tanto polos dereitos das persoas ou polo seu lecer, o MpDC pregúntase os intereses de quen priman á hora de Orozco e os seus tomaren decisións.

0 comentarios:

Publicar un comentario