Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento denuncia novamente as cargas policiais contra os folguistas do metal en Vigo

Written By Virgulino on 24/6/09 | 12:14


O Movemento polos Dereitos Civís denuncia, mais unha vez, a última intervención policial perpetrada contra os manifestantes do naval en Vigo, que considera inxustificada e desproporcionada. Durante a 15º xornada de folga producíronse novas cargas e, polo tanto, a vulneración por parte das forzas e corpos de seguridade dos dereitos civís, coma o dereito de manifestación, está patente de novo. Un traballador tivo que ser trasladado a un centro hospitalario polas diversas e numerosas feridas causadas polos ataques policiais.

Cando a manifestación percorría a Gran Vía de Vigo en dirección a Urzaiz, segundo a Confederación Intersindical Galega (CIG) e á altura dun centro comercial, houbo unha “breve pero intensa carga policial” que afectou a cinco manifestantes. Minutos antes, os traballadores celebraran unha asemblea en Praza do Rei e, unha vez finalizada, percorreron a rúa Venezuela fortemente escoltados por policías antidisturbios, que acompañaban aos manifestantes a ambos lados da rúa. A tensión foi en aumento ata que nun momento se produciu a carga, que “aínda que tivo carácter puntual, saldouse con cinco feridos”. Un deles foi golpeado coa culata dunha porra, recebeu pelotazos de goma no estomágo e máis golpes coa porra nas costas, polo que tivo que ser trasladado a un centro hospitalario para ser atendido dos fortes golpes na cara, moi perto do ollo dereito, onde recebeu varios puntos, afirma a central sindical.

De novo, as forzas e corpos de seguridade do Estado infiren violencia e represión aos traballadores que secundan máis de 15 días de folga con motivo do convenio colectivo para a provincia de Pontevedra. Sobre a masiva presenza policial, o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, indicou que "non hai ningún antecedente no noso país dun despregue tan masivo, de perto de 1.000 policias, durante tantos dias, como se isto no lugar de ser un conflito laboral, en vez de ser un movemento obreiro loitando polos seus dereitos, pois parece que foramos un movemento guerrilleiro, e non o somos. Temos unha razón invencíbel, e non teñen que protexer á sociedade de nós, porque nós somos a sociedade", afirmou Alcántara.

No que respecta ao MpDC, este colectivo denuncia unha vez máis a violencia, a desproporción, a rabia e o desprezo ás persoas que están exercendo o seu dereito a folga. Para o colectivo, as reiteradas agresións que se veñen producindo contra a clase traballadora galega constitúen un tentativo global de amedrentar a sociedade para que non saia á rúa e de atentar contra os seus dereitos fundamentais.

0 comentarios:

Publicar un comentario