Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A liberdade de escolla non é absoluta

Written By Virgulino on 6/6/09 | 11:00


Cando remata un curso escolar tendemos a facer revisión do acontecido nos últimos meses, canto máis neste ano marcado polo cambio de goberno que ven de producirse recentemente. É por iso que neste caso o balance abrangue toda a etapa do goberno bipartito.

María Álvarez Garea. Mestra de Educación Musical.
Se ben hai que salientar avances como a axilidade na xestión dos distintos procesos administrativos (cobertura de baixas médicas, procesos de concursos de traslados…), a xeneralización das prazas de apoio docente nas aulas de Educación Infantil e o aumento da dotación de material TIC nos centros entre outras medidas, tamén presenta sombras como a non publicación do novo currículo de Educación infantil despois de ter superados todos os trámites, a non revisión da rateo máxima nesa mesma etapa ou a falla de persoal administrativo na meirande parte dos centros de Educación Primaria.

Mención especial merece o programa de gratuidade dos libros de texto que a Consellería de Educación (e o presidente socialista do goberno) vendeu como medida “estrela” ante as familias e que precisa dunha análise máis profunda: un goberno de esquerdas debe garantir o acceso ó material escolar a todo o alumnado aportando os recursos necesarios a aquelas familias que non os teñen, pero non é progresista nin xusto facela extensiva a toda a poboación. Responde ademais a unha concepción do ensino inmobilista e arcaico porque non permite ós nenos e nenas traballar neles subliñando ou engadindo citas como metodoloxía para acadar unha verdadeira aprendizaxe significativa, e porque da por feito que na era dixital o único material docente a utilizar nas aulas son os libros de texto. Que pasa co resto de materiais didácticos (formatos multimedia, libros de consulta…) e cos docentes que non usan libros de texto?

Todas estas reflexións, non obstante, parece que quedarán diluídas polo compromiso do novo goberno de derrogar o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Esta decisión supón non só unha declaración de intencións para o ámbito educativo senón que responde á pobre idea de país que sustenta o partido político que a propugna. Sen entrar noutras consideracións que xa teñen aportado significativas persoas e colectivos do eido cultural, social e educativo, si compre engadir que calquera pai ou nai ten o dereito de decidir a lingua que transmite e emprega cos seus fillos e fillas pero o debate creado en torno a esta medida supón un debate perverso xa na súa concepción: non poden ser as familias as que marquen e decidan as competencias lingüísticas a acadar polo alumnado nas diferentes etapas educativas, como tampouco o deciden nas áreas de educación artística, coñecemento do medio ou física e química.

Agárdannos tempos difíciles, pero diso xa falaremos no curso que ven…

0 comentarios:

Publicar un comentario