Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís denuncia a maquinaria posta en marcha polo Partido Popular contra o galego no ensino

Written By Virgulino on 17/6/09 | 13:26


O Movemento polos Dereitos Civís critica fondamente a censura imposta polo PP á enquisa do galego por se non fose suficiente o feito de levar adiante o propio cuestionario. O colectivo, ademais de amosarse contrario a tal consulta, manifesta o seu total rexeitamento ás formas nas que está sendo trasladado o inquérito. Deste xeito, a dirección dos centros ten prohibido manifestar ningunha opinión ao respecto. Ademais, o MpDC apoia as denuncias feitas pola CIG nos xulgados e a Agencia Española de Protección de Datos.

A Consellaría de Educación enviou recentemente unha circular aos centros educativos galegos instando a prohibir calquera tipo de acto ou manifestación en prol ou na contra do inquérito emitida polas directoras ou directores dos mesmos. Para o Movemento, isto supón un novo episodio de censura, xa que as persoas que mellor coñecen as escolas nas que traballan son privadas de poder dar a súa opinión sobre a lingua nos centros. Detrás de todo este parapeto, o MpDC entende que están uns claros intereses contrarios ao idioma do país e favorecedores do castelán como lingua no ensino.

Ao respecto, Dereitos Civís concorda co documento asinado conxuntamente polas principais organizacións de ensino non universitario galego, que denuncian que se trata dunha consulta «deseñada á marxe da comunidade educativa», «carente de rigor na metodoloxía de distribución dos inquéritos e no procesado de datos».

Apoio ás accións da CIG

O MpDC suscribe o procedemento iniciado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) polo feito de que os directores non se poidan pronunciar sobre a enquisa do galego no ensino e apoia as denuncias feitas pola central sindical nos xulgados e na Agencia Española de Protección de Datos.

Como dicimos, a CIG vén de presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e denuncia diante da Axencia Española de Protección de Datos contra o procedemento de consulta a pais e nais sobre o uso das linguas no ensino que está a levar a cabo a Consellaría de Educación. Desde a CIG-Ensino denúnciase a vulneración dos dereitos fundamentais, especialmente a liberdade de expresión e opinión e liberdade sindical, xa que se prohibe informar sobre a enquisa, así como a vulneración da Lei de Protección de Datos, a respecto do uso fraudulento dos ficheiros de xestión académica.

0 comentarios:

Publicar un comentario