Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís critica a vontade de crear patrullas veciñais na Coruña e apoia a súa retirada

Written By Virgulino on 9/6/09 | 12:32


O Movemento polos Dereitos Civís súmase ás críticas verquidas contra a decisión dos veciños do ensanche coruñés de patrullaren as rúas durante a noite. Segundo afirma a asociación do barrio tal decisión está motivada pola pasividade policial ante o ruído e os desperfectos a vehículos causados durante as noites pola presenza de locais de movida na zona.

Nun Estado de Dereito non caben este tipo de accións, xa que a seguridade cidadá depende dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Malia a ter aumentado nos últimos días a presenza policial na zona, os veciños seguen coa teima de organizaren grupos e saíren á rúa a “vixilar”. Esta medida pode verse coma un acto de presión para que interveña a fiscalía no asunto e así poder chegar antes a unha solución ao problema.

O colectivo quere lembrar que estes grupos de persoas non terían potestade para actuar no caso de producirse algún altercado na rúa nin á hora de gardar a orde na mesma. Detrás desta medida poden agocharse críticas á xestión municipal en materia de seguridade cidadá.

Sexa co obxectivo que sexa, Dereitos Civís amósase públicamente contrario á creación de tales “brigadas nocturnas” e apoia a súa retirada, xa que na sociedade actual non teñen cabida tales grupos de vixilancia do espazo público.

0 comentarios:

Publicar un comentario