Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Bugallo ignorou de novo unha resolución xudicial e continúa sen retirar as cámaras ilegais de Compostela

Written By Virgulino on 26/6/09 | 12:46


O Concello de Santiago segue coa súa teima de manter as cámaras de vídeo vixilancia no casco histórico da cidade cando unha sentenza xudicial o obriga a retiralas. Recentemente, o xulgado contencioso administrativo n.º1 de Compostela obrigou ao Concello a retirar as cámaras nun prazo de 10 días. Trascorrido ese tempo, os responsábeis de Seguridade do Concello non fixeron efectiva a retirada, polo que o xulgado compostelán comunicou hoxe ao MpDC que Bugallo ten 5 dias máis a partir de hoxe para retirar os dispositivos. O voceiro do colectivo, Renato Núñez, afirmou que se o concello non retira as cámaras “incorrería en desobediencia e podería ser sancionado polo Xulgado, así como denunciado”, indicou.

Ao Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) estimáronselle en setembro pasado as súas pretensións contra o Concello de Santiago logo de comprobar o Xulgado, por medio de probas presentadas no dito emprazamento, a veracidade e validez dos argumentos defendidos polo colectivo. O Xulgado Contencioso Administrativo n. 1 de Santiago aceptou en xaneiro deste ano a solicitude do Movemento polos Dereitos Civís e ordenou a execución provisional da sentenza que obriga á retirada das cámaras de vídeo vixilancia ilegais do casco vello de Compostela. Nesta sentenza histórica, o xulgado censuraba con dureza “a pasividade coa que o Concello ten tratado o trámite necesario e obrigatorio imposto pola Lei”.

Cómpre recordar que as cámaras non contaban cos correspondentes permisos de renovación, carecían de libro de rexistro das imaxes e mesmo funcionaran durante un tempo sen que se tivese solicitado a autorización necesaria. Vulneraban, xa que logo, todas as garantías recollidas na Lei de Protección de Datos para tutelar os dereitos dos cidadáns. Ao respecto, o voceiro do colectivo, Renato Núñez, afirmou que se o concello non retira as cámaras “incorrería en desobediencia e podería ser sancionado polo Xulgado, así como denunciado”.

Lonxe de retiralas, Concello e Delegación renovan a autorización das cámaras

Ademais, o Concello de Santiago respondeu recentemente a solicitude feita polo Movemento a respecto da suspensión da renovación das cámaras de vídeo vixilancia de Compostela. Lonxe de actuaren con coherencia e con atención á legalidade e aos dereitos da cidadanía non desisten en renovar a autorización. O MpDC lembra que hai outro procedemento aberto contra as ditas cámaras e que o colectivo abonou 3000 euros permitindo que se executase provisionalmente a sentenza que obriga a retirar os dispositivos. Unha vez máis, Bugallo e os responsábeis de seguridade volven demostrar cales son os seus intereses.

Recentemente, o Movemento polos Dereitos Civís volveu solicitar a adopción dunha medida cautelar co obxectivo de se paralice a solicitude de renovación da autorización feita polo Concello á Delegación do Goberno. Ao seu ver, de continuarse coa autorización da instalación das ditas videocámaras segue a infrinxirse a legalidade e persoas que non deron o seu consentimento porque non foron consultadas están sendo gravadas cando transitan pola rúas compostelanas, o que supón unha vulneración do dereito á honra á intimidade e á propia imaxe.

O pasado día 15 de xaneiro expirou a última das autorizacións concedidas pola Delegación do Goberno ao Concello de Santiago para a instalación de cámaras de vídeo-vixilancia na zona vella. Se ben, a institución concedeu a dita autorización. Con tal decisión queda demostrada ás claras a incompetencia do organismo no que respecta ao cumprimento das súas funcións. Cabe lembrar que a xustiza considerou en setembro do pasado ano irregular o procedemento de instalación das mesmas e ordenou a súa retirada, mais os responsables de seguridade cidadá empeñáronse en seguir malgastando os recursos públicos e recorreron a sentenza perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

1 comentarios:

Nemigo dijo...

isto é un escándalo. A propia administración local négase a cumprir unha senteza do xuzgado!

Pois mira que dan exemplo aos cidadáns. Modifican a lei de tráfico porque disque se recorre moito e incluso algún di que se fai con picareca

Publicar un comentario