Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As mancomunidades

Written By Virgulino on 21/6/09 | 11:00

Constitúen os concellos a primeira liña da administración, a máis próxima aos cidadáns e á que, pola importancia dos servizos que presta, acoden en primeira instancia para atopar solución aos seus problemas, mais o endebedamento local e o feito de que as intervencións máis transcendentes proveñen dos gobernos autonómicos e estatais crea un escenario de dependencias económicas e políticas que dificulta a planificación lóxica e necesaria de investimentos e servizos; razón máis que suficiente para deseñar unha reforma en profundidade do actual sistema de financiamento dos concellos que garanta a xestión dos servizos públicos básicos e as políticas fundamentais que desenvolve.

Belén Pazos. Tenente de Alcalde de Cuntis
Nesta reforma habería que ter en conta que os problemas dos concellos galegos non teñen nada a ver cos doutras zonas do Estado, comezando porque en España o 70% da poboación vive nun medio urbano e en Galiza faino pouco máis dun 40%; e que por tanto o sistema de financiamento debería ter en consideración non unicamente factores como a extensión do territorio ou a poboación senón tamén as particulares características do noso País como son o avellentamento, a dispersión xeográfica e o despoboamento, todas elas cuestións que supoñen un maior esforzo inversor na prestación de servizos.

Neste contexto as mancomunidades poderían desempeñar un papel importante que posibilitara a optimización de recursos económicos e materiais e a simplificación da xestión, especialmente nos pequenos concellos, á hora de acadar a prestación de servizos de calidade aos cidadáns como a recollida de lixo, o tratamento dos residuos, a xestión do patrimonio medioambiental, cultural ou turístico, a promoción das enerxías renovábeis ou a coordinación da seguridade cidadá.

O diagnóstico é claro, máis a realidade móstranos como a actividade destes órganos está a ser polo xeral baixa, mesmo nula en moitos casos. Mandato tras mandato ofrécense as mesmas solucións conxuntas a problemas comúns dos concellos que a forman, que non chegan a poñerse en práctica a causa dos constantes desacordos entre os compoñentes do ente á hora de impulsar estes proxectos, inducidos fundamentalmente pola resistencia a deixar a un lado os localismos, os problemas de financiamento ou o desinterese de quen entende a presidencia unicamente como un foguete de cara á súa propia contenda electoral.

Por iso, se acreditamos na utilidade destes órganos na administración do territorio sería bo abrir un debate sobre cal debe ser o seu modelo máis operativo; un modelo organizativo que permita acadar resultados resolvendo o problema do financiamento e establecendo novos criterios de coparticipación de cada un dos representantes locais na asunción de responsabilidades, superando o localismo que en moitos casos cada alcaldía quere exercer polo medo a perder a súa parcela...

0 comentarios:

Publicar un comentario