Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Protección de Datos inicia procesos sancionadores en Ourense e Compostela

Written By Virgulino on 12/5/09 | 12:09


A Agencia Española de Protección de datos está a tramitar varios procesos sancionadores en Galiza logo das denuncias formuladas polo Movemento polos Dereitos Civís. Despois de sancionar ao Concello da Coruña polas cámaras de videovixilancia e abrir proceso sancionador contra a dona de Paco Vázquez polas cámaras instaladas casa da familia Vázquez na rúa Parrote, Protección de Datos abriu expediente sancionador contra a Dirección Xeral de Tráfico de Ourense pola instalación de videocámaras no seu contorno, mais non só o fixo na cidade das Burgas, senón que tamén abriu outro contra o Concello de Compostela por negar o acceso a un cidadán a arquivos recabados de forma ilegal.

Neste caso, Protección de Datos abre un expediente sancionador por infracción grave ao negarse o acceso a un cidadán a varios expedientes existentes nos arquivos da Policía Local. Estes expedientes, absolutamente ilegais, trataban incluso sobre condicionantes psicolóxicos do denunciante dándose unha situación similar á da Policía Local de Sada que saltou ao coñecemento público fai poucos meses. Neste caso, a Agencia propón sanción logo da sentenza ditada recentemente contra os responsábeis da seguridade no Concello de Compostela por impedir o acceso aos mencionados expedientes.

Dirección Xeral de Tráfico de Ourense

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Tráfico en Ourense instalou varias cámaras sen ningún tipo de autorización que vixiaban os aredores do edificio onde ten ubicadas as súas oficinas. As mencionadas cámaras foron instaladas en contra do criterio dos viciños do edificio, que amosaron o seu total rexeitamento. O MpDC denunciou estas cámaras á Delegación do Goberno e esta decidiu non actuar, algo habitutal nesta autoridade. A raíz deses feitos, a Agencia Española de Protección de Datos abriu un proceso sancionador por infracción grave.


ORA de Vigo

No caso do estacionamento da ORA en Vigo, Protección de Datos informa que está a iniciar inspección á empresa concesionaria e ás cámaras instaladas para comprobar que cumpren un exhaustivo listado de requisitos esixidos pola Agencia para garantir a corrrecta utilización das imaxes captadas, requisitos que dificilmente se puideron cumprir desde que a dita institución os comunicou até a instalación das cámaras.

Responsabilidade de Delegación

Para o Movemento polos Dereitos Civís é evidente a responsabilidade da Delegación do Goberno nos expedientes relaccionados coa vidovixilancia pola inoperancia desta institución en relación con estes artiluxios que debe autorizar. Sen ir máis lonxe, a Delegación do Goberno comunicou recentement ao Consello de Contas que non ten competencia para autorizar as cámaras que teñen instaladas pero permitiu que seguisen onde estaban.

0 comentarios:

Publicar un comentario