Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Protección de Datos afirma que a Xunta podería estar comentendo unha infracción grave ao consentir as cámaras do CEIP San Xosé Obreiro

Written By Virgulino on 29/5/09 | 11:32


A Agencia Española de Protección de Datos vén de responder a denuncia formulada no seu momento polo Movemento polos Dereitos Civís a respecto das cámaras de vídeo vixilancia instaladas no centro de ensino San Xosé Obreiro de Arteixo. O organismo estatal comunica que iniciará un procedemento de declaración de infracción contra a Xunta de Galiza.

O centro, que depende directamente da Consellaría de Eduacación tén instaladas dúas cámaras de vídeo vixilancia fixas, unha no exterior do recinto para controlar a entrada do mesmo e parte da rúa correspondente e outra no interior, orientada cara o patio. É o conserxe quen controla as gravacións e a día de hoxe aínda se descoñece se a empresa de seguridade Servicur Seguridad SA está rexistrada como tal na Dirección General de la Policía. Ademais non existe letreiro ningún que avise da presenza dos ditos dispositivos. As cámaras foron instaladas polo Concello de Arteixo a petición do consello escolar do centro por térense realizado actos vandálicos no colexio.

Ao respecto e tendo en conta a situación na que se atopan as cámaras, a Agencia entende que as mesmas poderían supórlle á Xunta de Galiza unha infracción grave da Lei de protección de datos de caráter persoal xa que o tratamento dos datos mencionados requerirá sempre do consentimento inequívoco do afectado ou afectada, cousa que non sucede neste caso ao nin sequera estar sinalizada a presenza de tales cámaras.

Os antecedentes

Con data de 14 de maio de 2008, o Movemento polos Dereitos Civís envía escrito á Delegación do Goberno en Galiza a través do cal solicita, entre outras cousas, que se acredite a legalidade das cámaras instaladas nos exteriores do dito centro de ensino, así como que se proceda a retirada das mesmas. Máis tarde, o MpDC foi informado da presentación dun recurso contra a presunta desestimación da solicitude formulada ao CEIP San Xosé Obreiro para proceder á retirada das cámaras de vídeo vixilancia instaladas nos exteriores do dito Colexio en Arteixo (A Coruña).

Xunto coa retirada, o MpDC solicitou no seu momento a nulidade de pleno dereito da presunta desestimación por silencio administrativo da resolución do CEIP San Xosé Obreiro, onde se denega a solicitude do Movemento polos Dereitos Civís en relación coa instalación das cámaras de vídeo vixilancia nos exteriores das súas dependencias, ao omitirse o trámite procedimental imperante no eido da instalación das cámaras na vía pública. Ademais, o colectivo pide tamén a condena en costas da Administración demandada.

Proporcionalidade

É necesaria unha proporcionalidade, é dicir, que só se poden empregar vídeo cámaras cando resulte adecuado para unha situación concreta para o mantemento da seguridade cidadá. Ademais, tamén se esixe o principio de intervención mínima, ou o que é o mesmo, que exista ponderación entre a finalidade perseguida e a posible afectación pola utilización da vídeo cámara aos dereitos á honra, propia imaxe e intimidade.

Polo tanto, non cabe dubida de que a instalación de cámaras nun lugar seguro como o dito centro de ensino de Arteixo, ao non existiren datos policiais que amosen indicios de alta delincuencia ou criminalidade nin vandalismo, é unha medida desproporcionada para o fin perseguido que incumpre, polo tanto,cos parámetros fixados pola lei. En caso de ser instaladas coa finalidade de evitar, entendemos que de acordo coa legalidade vixente, a autorización da instalación de ditas cámaras debería levarse a cabo con anterioridade a súa instalación, como sucede neste caso.

2 comentarios:

Anonymous dijo...

Eu teño un fillo nese colexio, e desde que hai cámaras deixou de haber roubos, agresións a menores, actos de vandalismo, coaccións ós usuarios da biblioteca municipal... etc.

Ainda que claro os señores/as do MPDC ven os touros dende a barreira... e os seus fillos seguro que van a exclusivos centros concertados...

Anonymous dijo...

De ser un centro tan problemático poderían ter realizado as solicitudes correspondentes e cumplidos os trámites necesarios para que a instalación das cámaras non incumpliran as normas vixentes. Parece pouco educativo fomentar entre a xuventude que as normas non se deben cumprir. Precisamente por iso existen os problemas que existen nos centros.

Publicar un comentario