Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC solicita de novo que se retiren as cámaras dos exteriores de El Correo Gallego

Written By Virgulino on 18/5/09 | 10:28


O Movemento polos Dereitos Civís vén de presentar un recurso contencioso administrativo contra a desestimación da solicitude formulada á Delegación do Goberno en Galiza para proceder á retirada das cámaras de vídeo vixilancia instaladas nos exteriores das dependencias de “El Correo Gallego”, sito na Rúa Preguntoiro, 29 en Santiago de Compostela.

O colectivo solicita, xa que logo, a nulidade de pleno dereito da resolución da Delegación de Goberno de 26 de xaneiro 2009 onde se permite a instalación de cámaras de vídeo vixilancia nos exteriores de El Correo Gallego sen contar cos requisitos esixidos pola Lei 4/97, ao omitirse o trámite procedimental imperante no eido da instalación das cámaras na vía pública e a retirada das cámaras de vídeo vixilancia no exterior de El Correo Gallego, ao vulnerarse os trámites procedimentais. Ademais, condena en costas da Administración demanda.

Recentemente, o Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento de que nos exteriores de “El Correo Gallego” están instaladas cámaras de vídeo vixilancia fixas, o que supón unha vulneración do dereito á imaxe, á honra e a intimidade persoal. Con data de 16 de xaneiro de 2009 ,o Movemento polos Dereitos Civís envíou escrito á Delegación do Goberno onde solicita entre outras cousas que se acredite a legalidade das cámaras instaladas nos exteriores de “El Correo Gallego”, así como se proceda a retirada das mesmas.

A Lei é clara e estricta ao someter as instalacións de cámaras a un réxime de autorización por parte da Delegación previo informe da Comisión de Garantías de Videovixilancia, como así se corrobora na sentencia de 19 de outubro de 2007 do Xulgado do Contencioso- Administrativo nº 3 da Coruña pola instalación de cámaras de vídeo vixilancia na estación de autobuses, na que literalmente se pode ler: “resulta que a administración local incumpriu o RD 596/1999, xa que este impón que a instalación sexa autorizada antes de que se realice, así resulta, inequivocamente, do art. 16.a) que impón o informe -previo- vinculante da comisión de garantías á solicitude de instalación”.

Os antecedentes

O Movemento interesouse neste caso a partir da publicación na edición impresa e dixital de El Correo Gallego dunha noticia acompañada de fotografías. A ditas imaxes amosaban a unha muller perfectamente identificábel mentres danaba presuntamente os vehículos aparcados na rúa. As mesmas foran captadas por cámaras instaladas por unha empresa privada na sede do xornal. A función destes dispositivos é garantir a seguridade do edificio, gravando o que sucede á entrada e no seu interior. Non obstante, a muller que aparecía nas fotografías publicadas transitaba afastada da sede do xornal, nunha rúa adxacente.

No momento no que, como demostran as imaxes publicadas, as cámaras de El Correo Gallego están a gravar a vía pública, o MpDC esixiu e esixirá nos xulgados que se respecten todas as garantías previstas pola Lei. O Movemento espera que a Xustiza solicite novamente aos interesados que presenten a documentación que autoriza o emprego de vídeo-vixilancia na rúas de Compostela e que, de non existir esta autorización, ordene a inmediata retirada das cámaras.

0 comentarios:

Publicar un comentario