Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC interpón recurso contra a xefatura de Tráfico en Ourense por instalar cámaras de vídeo vixilancia cando non ten competencia para facelo

Written By Virgulino on 14/5/09 | 12:06


O MpDC vén de interpór un recurso contencioso administrativo contra a xefatura de Tráfico en Ourense debido ás cámaras de vídeo vixilancia que a institución ten instaladas nos exteriores do edificio, xa que non cumpren a lei 4/97 e incorren, ademais, nunha infracción grave que levou á Agencia Española de Protección de Datos a abrir recentemente un expediente sancionador contra ela.

Desde o Movemento polos Dereitos Civís tivemos coñecemento de que a Dirección Xeral de Tráfico en Ourense instalou varias cámaras sen ningún tipo de autorización que vixiaban os aredores do edificio onde ten ubicadas as súas oficinas. As mencionadas cámaras foron instaladas en contra do criterio dos veciños do edificio, que amosaron o seu total rexeitamento.

O MpDC denunciou estas cámaras –que capturan imaxes da vía pública sen que exista ningún letreiro informativo- á Delegación do Goberno e esta decidiu non actuar, algo habitutal nesta autoridade. A raíz deses feitos, a Agencia Española de Protección de Datos abriu un proceso sancionador por infracción grave.

Ao respecto, a institución estatal informou o Movemento de que as xefaturas provinciais de tráfico son organismos de natureza civil, ao igual que o seu funcionariado. Se ben, tanto a Axencia, como a xefatura, nun escrito remitido ao Movemento, afirman que o enfoque á vía pública se reserva ao sistema de vídeovixilancia dos corpos e forzas de serguridade do Estado, non de organismos civís, co que un destes organismos non podería, daquela, capturar imaxes da vía pública.

Ademais, no procedemento aberto contra a xefatura de tráfico de Ourense, Protección de Datos informa de que a Dirección General de Tráfico incorreu nunha infracción grave no que respecta ao tratamento de datos de carácter persoal, xa que a lei afirma que o dito tratamento se ha de facer co consentimento inequívoco do afectado. No caso que nos ocupa, ningún dos ou das afectadas é consultado sobre se quere ser gravado ou non.

Cabe dicir que no rexistro da Agencia Española de Protección de Datos non consta ningún ficheiro de vídeovixilancia cuxo responsábel sexa a xefatura provincial de Tráfico de Ourense. Por todo o anteriormente mencionado, o Movemento non pode senón volver pedir que se retiren os dispositivos de gravación da vía pública.

0 comentarios:

Publicar un comentario