Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento rexeita o despedimento de xornalistas escudado na crise

Written By Virgulino on 25/5/09 | 14:00


A liberdade de expresión e de información son necesidades humanas e, polo tanto, precisan ser cubertas. O MpDC quere denunciar que se use a crise como escudo para realizar despedimentos nos medios de comunicación galegos, mermando así a pluralidade informativa e pondo atrancos á cidadanía para informarse libremente, vendo así danados os seus dereitos.

Segundo o Sindicato de Xornalistas de Galiza (SXG) "no 63% dos medios galegos houbo despedimentos ou non renovacións de contratos nos últimos meses". Tal e como informan nunha nota de prensa, a institución está a pór en marcha unha campaña de reparto de camisolas entre os e as profesionais do sector co lema "Máis despedimentos, menos información" co obxectivo de que os informadores e informadoras de toda Galiza as leven ás roldas de prensa e actos de mañá martes 26 de maio".

En canto aos despedimentos, cando menos, e segundo informa o sindicato de xornalistas, reaalizáronse "en Europa Press, Radio Líder, Qué! Vigo, Qué! A Coruña, Diario de Pontevedra, Galicia Hoxe, Ser Coruña e ADN. Máis casos poden producirse no Diario de Pontevedra, onde a empresa, propiedade do Grupo El Progreso, xa anunciou que intentará eliminar 16 postos de traballo.

De seguir a precarización dos informadores “perigan non só postos de traballo, senón a pluralidade e a calidade das noticias" indican dende o sindicato. A esta afirmación súmase o Movemento polos Dereitos Civís, insistindo na idea de que, por unha banda, esta estratexia afonda máis o desemprego entre a poboación galega e, pola outra, se están a silenciar voces necesarias para que o común da cidadanía siga podendo contar con múltiples e variadas referencias á hora de coñecer o que pasa ao seu redor.

0 comentarios:

Publicar un comentario