Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento lembra ao Defensor del Pueblo que foi o colectivo o que presentou a queixa polas cámaras ilegais da estación de autobuses coruñesa

Written By Virgulino on 27/5/09 | 12:02


O Movemento polos Dereitos Civís quere lembrar que a queixa polas cámaras de vídeo vixilancia instaladas na estación de autobuses da Coruña partiu do mesmo colectivo e fai igualmente incidencia en que a Delegación do goberno en Galiza non tomou ningunha medida ao respecto. O MpDC tivo coñecemento do publicado onte nos medios de comunicación referente a que o Defensor entregou un informe no Congreso para interesarse pola autorización das ditas cámaras.

O MpDC presentou no seu momento unha demanda contencioso administrativa contra a Delegación do Goberno en Galiza no caso das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas de xeito ilegal na estación de autobuses da Coruña. Ante tal demanda, o avogado do Estado na cidade respondeu baseándose en fundamentos baleiros e desprezativos de cara o MpDC e amosando ás claras o pouco respecto que que lle ten á sociedade.

O Movemento non pode senón lembrar que a Delegación ignorou repetidamente as peticións de información da asociación sobre a concesión e renovación do permiso para instalar os dispositivos. Perante este silencio administrativo o MpDC viuse na obriga de recorrer á Xustiza. Semella evidente que tanto o Concello da Coruña como a Delegación incumpriron de forma voluntaria e reiterada a normativa que regula a instalación de vídeo-vixilancia en espazos públicos; por iso, o Movemento solicitou ó Xulgado a retirada inmediata das cámaras da estación de autobuses e dirixiu escritos ás institucións interesadas informándose sobre o cumprimentos dos trámites e garantías previstos pola Lei Orgánica 4/1997.

O xornal La Voz de Galicia indica nunha nova publicada o día 26 de maio que o “Defensor del Pueblo recordou nun informe ao Concello coruñés o seu deber legal de obter a autorización da Delegación do Goberno antes de instalar cámaras de video vixilancia. Este informe do 2008 foi presentado onte polo responsable da institución, Enrique Múgica, ao presidente do Congreso, José Bono”, continúa a peza do xornal coruñés.

Na mesma información podía lerse que o “defensor do Pobo pretende que o Concello axuste a súa actuación á normativa vixente desde o ano 2007, de maneira que cando este considere necesario a instalación de videocámaras en calquera dos edificios da cidade, non o faga ata que non obteña a correspondente autorización da Delegación do Goberno en Galiza”. O Defensor non pretende nin pode pretender nada, senón que é o seu cometido, como institución que vela polos dereitos da sociedade, o de esixir ás administracións que cumpran coa legalidade.

Se algunha actuación se realiza ao respecto non se pode esquecer que a denuncia partiu do Movemento vendo que as cámaras da estación coruñesa se atopaban en situación ilegal e o que desde o colectivo se ve como unha actuación propagandística por parte do Defensor del Pueblo é que se mediatice a presentación dun informe do que a institución non é a promotora primeira, senón que todo o procedemento se iniciou a raíz do taballo feito polo MpDC.

0 comentarios:

Publicar un comentario