Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento denuncia outro ataque á democracia acontecido, desta volta, nun pleno de Vigo

Written By Virgulino on 26/5/09 | 12:39


O pleno do pasado 20 de maio en Vigo contou cunha sorpresa engadida cando o alcalde comunicou un cuarto de hora antes da celebración da sesión que cada moción tería 18 minutos para ser debatida. Este tipo de vetos á liberdade de expresión dos grupos políticos nos plenos municipais son, mal que nos pese, demasiado frecuentes no noso país. Ao respecto, o Movemento polos Dereitos Civís pregúntase se un grupo político, ben sexa do goberno ou da oposición, non pode falar, como vai representar a cidadanía que delegou nel?

Segundo o grupo socialista e o nacionalista o límite das intervencións fora acordado con anterioridade en xunta de portavoces e ten por fin evitar que os plenos se prolonguen ata sete horas, como ocorre con frecuencia. Segundo o PP, a decisión ía limitar as intervencións e o debate, polo que os concelleiros populares abandonaron a sala de plenos. Sexa como for, se acabar pronto un pleno é o obxectivo de reducir o tempo das intervencións, volve quedar en entredito que o xogo democrático municipal poida desenvolverse limpamente.

Mais este, como dixemos, non é o único caso destas características que acontece en Galiza. Case ligado ás celebracións plenarias municipais, a dinámica do factor sorpresa e do recorte de liberdade de expresión é algo que está á orde do día en numerosos concellos galegos. Prima a vontade de non facer política.

Outro exemplo disto aconteceu tamén recementente en Ponteceso. No último pleno e xa na primeira pregunta retiráronlle a palabra a unha concelleira e ante a réplica de que non acabara de preguntar o alcalde dixo que xa esgotara o tempo -que cronometra el mentalmente- segundo apuntan o grupo nacionalista da localidade. A partir deste momento foi todo un esperpento. Ameazas de chamar a policia local e inmediatamente despois deron por finalizado o pleno, roubando os dereitos que dos concelleiros e controlando a acción executiva do goberno municipal.

Sucesos coma estes son mostra da calidade do sistema democrático galego, marcado, nestes casos, por intereses de calquera índole agás os que se lle supoñen, que deberían ser os da cidadanía. Deste xeito, os dereitos civís e as liberdades sofren un duro revés. Agardamos non ter que dar conta de novo de máis accións semellantes.

0 comentarios:

Publicar un comentario