Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O dereito constitucional recoñece o acceso a unha vivenda digna

Written By Virgulino on 30/5/09 | 12:58


O presente artigo vai centrarse nas cuestións que no último ano foron noticia nos medios de comunicación e que forman parte do contido do dereito á vivenda. Por unha banda, a aprobación das Normas do Hábitat e a súa repercusión sobre o concepto de “vivenda digna”, e por outra, a aparición da figura do acoso inmobiliario e a transcendencia que pode ter no mantemento do goce do dereito.

Olga Pedreira. Concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación de Santiago de Compostela En relación a primeira das cuestións debese ter en conta que o artigo 148.1.3º da Constitución atribúe expresamente as Comunidades Autónomas “A ordenación do territorio, urbanismo e vivenda” e que o noso Estatuto asume no artigo 27.3 esta competencia. Chegado este punto da reflexión e tomando en conta o obxectivo do acceso a vivenda digna e axeitada, prodúcese un importante avance lexislativo mediante a publicación e entrada en vigor das Normas do Hábitat Galego, Decreto 262/2007 de 20 de decembro da Consellería de Vivenda e Solo.

O investimento feito pola maioría dos cidadáns na vivenda supón o gasto mais importante que farán o longo da súa vida. Neste contexto é lóxico que deba tratarse a calidade da vivenda.

As normas do hábitat teñen o obxectivo de acadar vivendas dignas e axeitadas, de maior calidade e mellor integradas no territorio, respectuosas co medio ambiente protexendo o aforro enerxético, que garantan a accesibilidade e funcionalidade dos habitáculos, o tempo que dan entrada ao concepto de “vivenda sostíbel”, novo para nós, que vén sendo tratado pola UE en diversos documentos.

Polo tanto, a actuación dos poderes públicos á hora de protexer o dereito constitucional e a pertenza á UE determinan a obriga de incorporar o concepto de vivenda sostíbel como fórmula indispensábel de consecución dunha vivenda digna e axeitada, tal como se fai no Decreto 262/2007 de 20 de decembro. As Normas do Hábitat son unha ferramenta para garantir que existirá un estándar mínimo de condicións técnicas de habitabilidade. A eliminación desta normativa non permitiría baixar os prezos pero si a calidade.

A protección estabelecida pola CE obriga tamén a conseguir unha posesión pacifica, útil da vivenda, o mantemento do dereito. Só mediante a conxugación destas dúas vertentes chega a ser efectivo o dereito recoñecido no artigo 47 da Constitución.

Acoso inmobiliario

O mantemento do dereito cristaliza nas distintas fórmulas de axudas públicas á rehabilitación e á conservación das edificacións, mais tamén é necesario asegurar o uso e goce pacífico da vivenda. Nos últimos tempos esta afirmación tradúcese na creación e no tratamento dunha nova figura xurídica: o “acoso inmobiliario”.

O acoso inmobiliario aparece por primeira vez no ano 2004, en Barcelona. Nese ano presentáronse 191 denuncias que respondían a feitos reais sobre abuso de poder do propietario arrendador sobre o arrendatario, onde con desprezo polos dereitos fundamentais, e mediante maltrato psicolóxico, e comportamentos violentos téntase que os inquilinos abandonen as vivendas que lexitimamente ocupan en virtude de arrendamentos regulados pola lei do 1964, ca intención de poder vendelas ou arrendalas segundo a nova lei do 1994 e sempre conseguindo un prezo mais elevado e axustado ao mercado.

O acoso é unha forma de violencia, de agresividade, na que se xuntan o abuso de poder ca discriminación e os atentados a integridade e a dignidade da persoa. Son accións executadas dende unha posición de superioridade aproveitando múltiples medios de fustigamento.

Esta práctica antixurídica recolleuse por primeira vez no estado nunha norma de carácter autonómico a lei catalá 18/2007 que entrou en vigor o 9 de abril de 2008. A citada lei fai un tratamento global en materia de vivenda e regula por primeira vez a figura do acoso inmobiliario que xa se introducira por vía xurisprudencial. Xurde así unha pregunta: os casos de acoso inmobiliario que aparecen en Galiza poden ser atallados cos medios xurídicos cos que se conta ata o momento?. A resposta é afirmativa e de feito xa a xurisprudencia veu sancionando condutas deste tipo, á espera de formular unha lei sobre tratamento integral en materia de vivenda que desenvolva tamén esta cuestión.

En conclusión podemos dicir que a propia carta constitucional estabelece os criterios fundamentais que orientan a política en materia de vivenda, e segundo se vai lexislando estabelecese a ferramenta que preside a actuación dos poderes públicos para desenvolver este dereito, pero segue se lonxe de darlle a cobertura que necesita para facelo efectivo. A nivel xurídico as deficiencias que presenta a consecución do dereito agrávanse no contexto económico actual. Existe un importante parque de vivendas valeiras, os prezos non baixan, o nivel de ingresos das familias decrece, con estas perspectivas preséntase un panorama negro para a conquista do dereito a unha vivenda digna e acaída.

A situación de partida xa estaba lonxe de ser idónea, xa que o gasto medio destinado a vivenda por familia era do 31% do seu gasto total no ano 2007. A presente crise debe mover a reflexión, o mercado por si só non e capaz de permitir o acceso a todos os cidadáns a vivenda, a intervención pública faise obrigada.

0 comentarios:

Publicar un comentario