Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Mañá venres celebrarase un xuízo contra membros do “Sindicato Unificado de la Guardia Civil” por amosaren interese sobre a legalidade de Villa PSOE

Written By Virgulino on 28/5/09 | 11:47


Mañá venres celebrarase, no xulgado de instrucción número 3 de Vilagarcía de Arousa, unha vista na que se dilucidará sobre a querela presentada polo alcalde da Illa de Arousa, José Manuel Vázquez, xunto con outros membros da corporación contra representantes do “Sindicato Unificado de la Guardia Civil”. No seu momento, Vázquez e demais membros presentaron a dita querela contra o dereito á honra por teren solicitado varios membros do colectivo documentos que xustificasen o cumprimento da legalidade de Villa PSOE.

Responsábeis desta organización sindical esixiron, en numerosas ocasións, ao concello da Illa de Arousa que lles facilite a documentación ou que lles deixen ver o proxecto e comprobar o cumprimento da legalidade de Villa PSOE que, paradoxalmente, se atopa nunha zona privilexiada e costeira, tal e como consta nas inscricións do rexistro da propiedade. Desde o colectivo agardan que a lei se aplique a todas as persoas por igual e que se recúe na recalificación ilegal dos terreos nos que se atopa a construción.

Desconfiando da legalidade do PXOM en canto á cualificación dos terreos segundo a normativa aplicábel, o colectivo presentou unha denuncia no xulgado por presunta prevaricación por parte das autoridades, tanto da administración autonómica como das municipais da illa de arousa, rexidas ambas as dúas, naquela altura, polo Partido Socialista Obrero Español (PSOE).

A polémica iniciouse cando a zona de Cabodeiro foi recalificada, logo da cal, numerosos veciños da contorna denunciaron, en múltiples ocasións, as irregularidades administrativas que supuña un informe elaborado polo secretario municipal. No dito documento rebaixábase a distancia permitida para construir na liña costeira, que pasou de 100 a 20 metros. A isto engadimos que sobre habitantes da zona pesaban ordes de derrubamento e sancións polas antigas vivendas levantadas xunto a costa, mentres que os políticos anteriormente citados si podían gozar destes privilexios.

O beneficiario resultou ser un promotor privado, Residencial Illa de arousa SL, que se constituíu exclusivamente para realizar esta promoción na zona de O Cabodeiro (O Furado) e da que son membros, curiosamente, altos cargos do PSOE coma José Blanco, Ricardo Varela ou Lucinda Diz Besada, entre outros.

O sindicato denuncia que se recalificaron terreos nos que anteriormente non se podía edificar e onde carencia de servizos é notoria. Ademais, o Concello realizou unha cesión de terreos municipais a tal finalidade para logo volver ao patrimonio do municipio, negocio que o sindicato considera ilícito e nada normal se non fose para beneficiar a obra que satisfaceu a altos responsábeis que foron adxudicatarios das vivendas.

Tanto o Movemento polos Dereitos Civís coma o sindicato da Garda Civil coidan que se está ante actos graves que estaban levando e levan a cabo responsábeis políticos e bancarios dunha entidade financeira como é Caja España. O MpDC denuncia, unha vez máis, a vulneración dos dereitos civís dos cidadáns de a pé, que se ven privados das súas garantías tendo que recorrer á vía xudicial para que se cumpra a legalidade en asuntos de tanta actualidade como é o urbanismo ao ser unha materia de orde pública.

1 comentarios:

Anonymous dijo...

Deberíades informarvos antes de escrebir. Tentades defender a dous ex-gardas civis expulsados do corpo por corruptos que utilizaron o nome dunha Asociación CAFINES para insultar a institucións e persoas civis. Tamén foron expulsados desta Asociación (preguntade) Todo os que vos contan e PURA MENTIRA. A querella contra eles é en defensa da honra de persoas civis, que tamén deberíades defender. Por favor, enterarse antes de aceptar panfletos de SINVERGOÑAS.

Publicar un comentario