Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Galicia Bilingüe?

Written By Virgulino on 23/5/09 | 10:51


Que utopía! Xa nos gustaría dicir iso ós que de verdade sentimos que o noso idioma está en grave situación de emerxencia e que aínda por enriba non temos dereito a queixarnos. Eu, a título persoal, tamén pido unha Galicia bilingüe, pero bilingüe de verdade, en todos os aspectos e circunstancias. Estou totalmente convencida de que teriamos moito que gañar e moi pouco que perder aqueles que empregamos “a lingua de prestixio” (que ironía!) segundo esa plataforma que prefiro nin tan sequera nomear. Dende cando Galicia foi bilingüe? Nunca, e non precisamente porque a lingua maioritaria e de prestixio fose o galego.

Cantas manifestacións esixindo o 50% das clases en galego teriamos que ter feito aqueles que recibimos o noso ensino case absolutamente en castelán sendo galegofalantes? Cantas veces teriamos que ter chamado a atención publicamente cando hai vinte e cinco anos que está en vigor a Lei de Normalización Lingüística e aínda é hoxe o día en que non se executou na totalidade dos centros escolares de Galicia? Cal é o problema de que as nosas rapazas e rapaces aprendan as ciencias sociais en lingua galega? Van aprender menos matemáticas por ser en galego?

O Decreto do Galego do 28 de xuño de 2007 establece que se impartan en lingua galega as ciencias naturais, as ciencias sociais, a historia, as matemáticas e a educación para a cidadanía. Este decreto complétase co Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 que di: “Dentro das posibilidades de cada centro, tenderase a que entre as materias que se impartan nese idioma figuren as matemáticas e a tecnoloxía”.

Tenderase, non obrigarase! Onde está o 50% para un alumno ou alumna de 1º de E.S.O que ten doce materias? Ven como ó final o que sae gañando sempre é o mesmo! Non resulta realmente triste ver a cidadáns galegos pedindo máis presenza do castelán no ensino cando xa o teñen e con moita diferenza? Só lles faltou dicir a oración típica dos “españolitos” galegos:”E a onde vas falando galego fóra de aquí?”.

Por outra banda, non hai moito tempo que o país se conmocionou coa noticia de que aínda había algún colexio no que separaban os rapaces por sexos. Ninguén vai dicir nada ante as palabras de Dona Gloria Lago cando se atreveu a proporlle ó presidente entrante da Xunta de Galicia que separe por aulas ás alumnas e alumnos por razóns de lingua? Cantas aulas fan falta entón? Ademais, señora, na anteriormente mencionada Lei de Normalización Lingüística no seu título III, artigo 13 e punto 3 di explicitamente: “Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón da lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellasen, a separación en aulas diferentes”.

Hai que separar por sexos, por linguas, por relixións, por opcións académicas, etc., así que son necesarias cinco veces máis dependencias que na actualidade. Isto sen contar o que social e psicoloxicamente pode supor para as rapazas e rapaces que poderían ser separados das súas amizades por esta razón. Ou será que tampouco pode haber entre eles ningún lazo de unión?

Teñen a cara dura de falar de liberdade lingüística, que liberdade? A que eles propugnaron durante vinte anos? Eu teño o galego como lingua nai, e recibín a totalidade das miñas clases (excepto as aulas de lingua e literatura galega) en castelán no ensino obrigatorio e aínda así son capaz de expresarme nas dúas linguas do meu país. Queren dicirme estas persoas que os nenos e nenas de agora son máis burros que os de antes e non son capaces de facer xusto o contrario ca min? Teñen medo que non sexan quen de expresarse en castelán? Estean tranquilos señores, a lingua do Estado Español non é tan doada de esquecer e estamos rodeados por todos os lados de elementos que a empregan para evitar o seu esquecemento.

Señor Presidente, eu como cidadá galega, tamén lle podo pedir algo? Está claro que lle vai facer caso a aqueles que lle axudaron a conseguir de novo para o seu partido a presidencia da Xunta de Galicia, pero, podería ser que nos dera unha Galicia Bilingüe? Si, eu tamén lle pido iso, unha Galicia Bilingüe, pero realmente bilingüe, en todos os ámbitos públicos: ensino, xustiza, economía, turismo.... Teña en conta que o bilingüismo é, segundo a Real Academia Española, o uso habitual de dúas linguas nun mesmo territorio, sen ter en conta a situación na que se estea empregando. Coidado!, que unha maior utilización dunha con respecto á outra xa se lle chama diglosia e iso non é o quere esa plataforma tan coñecida para vostede. Non vaia ser que saia perdendo o castelán!

0 comentarios:

Publicar un comentario