Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Finalmente, o MpDC preferiu pagar para que se cumpra o que é de lei

Written By Virgulino on 5/5/09 | 11:29

Ao Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) estimáronselle en setembro pasado as súas pretensións contra o Concello de Santiago logo de comprobar o Xulgado, por medio de probas presentadas no dito emprazamento a veracidade e validez dos argumentos defendidos polo colectivo. Á hora de cualificar a actuación municipal, o voceiro da asociación, Renato Núñez, afirmou esta mañá en en conferencia de prensa que “os responsábeis de Seguridade do Concello de Santiago mentiron en varias ocasións”. Tiveron que pasar 6 anos e 3000 euros para que impere a legalidade e Bugallo se vexa obrigado a retirar as cámaras de vídeo vixilancia da zona vella da cidade.


O único motivo polo que as ditas cámaras seguen a funcionar “é pola desidia da Delegación de Goberno en Galiza” que non cumpre co seu labor, afirmou Núñez, senón que outorga autorizacións para a instalación de cámaras de forma “absolutamente alegre”. Tanto é así, incidiu, que o Movemento tivo que volver denunciar a autorización das cámaras por mor de que “despois de gañar a sentenza a Delegación volveu conceder unha autorización”, aclarou o voceiro do MpDC.

O pagamento da fianza

O colectivo cívico efectuou o pagamento da fianza “porque estamos convencidos de que o TSX de Galiza nos dará a razón”, afirmou de novo o seu voceiro, pois o Concello “non se basea na idoneidade das cámaras nin tampouco na corrección no seu proceso de instalación”, explicou. A administración lolcal, “simplemente busca que se anule a sentencia” en base a que considera que nos non poderíamos telos denunciado achacando falta de lexitimidade do MpDC para presentar a denuncia, non sobre a idoneidade das mesmas.

Núñez quixo deixar claro que se o concello non retira as cámaras “incorrería en desobediencia e podería ser sancinado polo Xulgado, así como denunciado”. Ademais, a retirada dos dispositivos debe facerse de xeito inmediato, tal e como vén solicitando o Movemento desde o inicio do procedemento e parece “indignante”, aos ollos do voceiro do colectivo, que unha asociación sen ánimo de lucro teña que abonar unha fianza de 3000 euros para que unha institiución cumpra a legalidade cando debera retirar as cámaras coa primeira denuncia e pedindo desculpas á cidadanía. Ao respecto da recadación da fianza, o responsábel do Movemento agradeceu a solidariedade cidadá que achegou cartos a tal finalidade.

A devoción de Bugallo polas cámaras

Son seis cámaras as que a sentenza ordena retirar pero ilegais hai moitas mais e se, cando o xulgado emita o veredicto a razón a ten o concello e se volveraninstalar as cámaras “temos mais denuncias presentadas contra elas”, por exemplo contra a última autorización dada pola delegación do goberno, explicou o responsábel do colectivo. Tamén se podería recorrer ao Tribunal Supremo, ou sexa, que pediríamos que se seguise mantendo a execución da sentenza.

Núñez achacou de novo “falta de comunicación” ao Concello. O alcalde “non aceptou unha reunión solicitada telefonicamente en dúas ocasións”. Aínda así, o MpDC “segue aberto”, segundo confirmou o seu voceiro, á reunión co alcalde de Compostela solicitada no seu día para que este explique a idoneidade das cámaras e os supostos beneficios producidos aos veciños e veciñas de Compostela.

Os antecedentes

O Xulgado Contencioso Administrativo n. 1 de Santiago aceptou en xaneiro deste ano a solicitude do Movemento polos Dereitos Civís e ordenou a execución provisional da sentenza que obriga á retirada das cámaras de vídeo-vixilancia ilegais do casco vello de Compostela. O alcalde de Santiago viu de novo censuradas por vía xudicial as súas pretensións de actuar ignorando as leis e os dereitos dos cidadáns.

Nesta sentenza histórica, o xulgado censuraba con dureza “a pasividade coa que o Concello ten tratado o trámite necesario e obrigatorio imposto pola Lei”. Cómpre recordar que as cámaras non


contaban cos correspondentes permisos de renovación, carecían de libro de rexistro das imaxes e mesmo funcionaran durante un tempo sen que se tivese solicitado a autorización necesaria. Vulneraban, xa que logo, todas as garantías recollidas na Lei de Protección de Datos para tutelar os dereitos dos cidadáns.

En calquera caso, o MpDC celebrou ese novo paso nun proceso histórico, no que por primeira vez en Galiza os dereitos e liberdades dos cidadáns prevaleceron sobre as actuacións arbitrarias das administracións locais na procura dunha suposta maior seguridade. O Movemento agarda agora que o TSX confirme a sentenza, polo que sería devolta a fianza, e que as diversas corporacións locais comecen a considerar alternativas máis moderadas para o fomento da seguridade.

0 comentarios:

Publicar un comentario