Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Faraldo, Solís e a insurxencia galega do 1846

Written By Virgulino on 1/5/09 | 11:00

“...en cuanto el estado de la revolución que ha estallado en Lugo, lo único que podemos decir, es que, lejos de disminuir, progresa”.

El Tiempo, 6 de abril do 1846

No mes no que andamos, cúmprense cento sesenta e tres anos dun dos máis relevantes feitos históricos que se desenvolveron no noso país na contemporaneidade. Refírome ao movimento cívico-militar que deu como resultante os denominados ‘Mártires de Carral’; denominación que se lle debe aos galeguistas de inicios do século XX. Mais, cando falamos destes Mártires de que estamos a falar? Quen eran? E por que foron ‘martirizados’?

UXÍO-BREOGÁN DIÉGUEZ (Historiador. Director do CEDAB) O 1846 e o ‘exército libertador’

O 2 de abril do 1846 o militar Miguel Solís y Cuetos apresentaba na Praza Maior de Lugo un pronunciamento liberal-progresista. Recibía aquel feito a prensa española como ‘movimiento revolucionario’. E é que de imediato soubose que Solís e as tropas que o acompañaban non só estaban a protagonizar unha denuncia pública das prácticas antidemocráticas e dictatoriais do goberno español, no marco do reinado de Isabel II, senón que procuraban algo máis que a repulsa do máximo representante do devandito goberno, o xeneral Narváez, à sazón primeiro ministro. O fin último, en síntese, pasaba pola queda dun período reaccionario, centralista e dictatorial, coa apertura dun novo tempo que estaría chamado a desenvolver un programa ideado, no esencial, polos libre-pensadores.

As forzas coas que contaba no inicio o oficial Miguel Solís eran dous batallóns e a súa ligazón coa elite intelectual revolucionaria europea e galega. Esta última vería como desde un inicio estes militares representaban a oportunidade de lle dar unha cobertura armada e sostén material ao programa patriótico galego do que era un dos máximos ideólogos Antolín Faraldo. Unha cobertura que contribuíra á súa potencial materialización. Neste programa, no que se viña a reclamar a explotación e usufruto dos recursos naturais propios da Galiza en beneficio da sociedade galega, así como, entre outros, o artellamento dunha facenda e sistema tributario propio, a Galiza sería cualificada como ‘verdadeira colonia da Corte’. Unha realidade ‘colonial’ que se contraporía ao tempo de esplendor e independencia da Galiza sueva.

As proclamas patrióticas ficarían ben patentes desde que o 15 de abril, data na que se constituiría a Xunta Revolucionaria do Goberno (Provisorio) de Galiza. Á cabeza daquela estarían os galeguistas Pío Terrazo, presidente e Antolín Faraldo, secretario da mesma. Desde La Revolución, órgao de expresión do goberno galego, arengarase ao pobo para que se sume ás tropas, ‘exército libertador’ do país, capitaneadas por un Solís que pasará a ser xeneralísimo deste exército. Nesta liña, desde Lugo marcharían as tropas insurrectas cara Compostela exitosamente.

O desafío que esta movimento lle representaba ao goberno español, fixo que este reaxise con total dureza. Así foi que, após varios enfrontamentos armados con tropas de reforzo enviadas desde España, entre as que cómpre lembrar as Batallas de Sigüeiro (Oroso) ou Cacheiras (Teo) o 23 de abril, a plana maior dos insurrectos acabaría detida. Despois de un mes de ofensiva serían estes conducidos cara un xuízo a celebrar na Coruña que non chegou a se desenvolver. E é que Solís sería asasinado tres días despois camiño daquela cidade no adro da Igrexa de Paleo (Carral). Igual sorte correrían o comandante Víctor Velasco e dez oficiais do exército libertador na Fraga do rei, perto, tamén de Paleo. Serían estes os ‘mártires de Carral’. Asasinados polo medo a unha revolta popular, baseada no apoio que tiñan as proclamas dos insurrectos entre as clases populares e a incipiente burguesía urbana, mais tamén como advertencia a futuros movimentos insurxentes.

Aquel movimento sería a antesala a escala europea das revolucións liberal-burguesas ou ‘primavera dos pobos’ do 1848, coas que as reivindicacións identitarias tomarían un novo pulo. Para o caso galego, o movimento insurrecto do 1846 marca o fito a partir do cal se abre definitivamente a contemporaneidade, modelando e vertebrando unha conciencia colectiva a escala nacional de reaxir patriótico.

0 comentarios:

Publicar un comentario