Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno non se considera competente para autorizar cámaras video vixilancia pero permite que sigan instaladas

Written By Virgulino on 7/5/09 | 10:01


A Delegación do Goberno en Galiza comunicou ao Consello de Contas que non se considera “órgano competente” para autorizar a instalación das súas videocámaras alegando que os ditos dispositivos se rexen pola Lei de seguridade privada. Ao respecto, o MpDC responde que isto amosa a deixadez de funcións da Delegación, que se di non capaz de autorizar mais si de consentir que tales cámaras permanezan instaladas cando supoñen unha vulneración do dereito á imaxe das persoas.

Con anterioridade, o Movemento polos Dereitos Civís presentou un escrito á propia Delegación do Goberno e á Agencia Española de Protección de Datos co que procuraba coñecer se o Consello de Contas de Galiza ten, por unha banda, todos os permisos necesarios e, pola outra, inscrito o ficheiro que contén as imaxes e sons gravados polas cámaras de vídeo-vixilancia instaladas no seu exterior no rexistro xeral de protección de datos da dita axencia. Esta asociación solicita do mesmo xeito á AEPD que a manteña informada das actuacións que se realicen con relación a este asunto.

O MPDC defende que deben primar sempre os dereitos fundamentais á honra, á intimidade e á propia imaxe así como o resto dos dereitos recollidos na Constitución Española á hora de instalar tales dispositivos. O carácter perigoso e limitativo de dereitos deste tipo de medidas de seguridade figura expresamente recollido nos preámbulos da normativa vixente e despréndese do espírito desas normas e demais instrucións e resolucións da Axencia Española de Protección de datos.

A utilización de videocámaras ha de estar presidida polo principio de proporcionalidade, na súa dobre versión de idoneidade e de intervención mínima. A idoneidade determina que só poderá empregarse a videocámara cando resulte adecuado, nunha situación concreta, para o mantemento da seguridade cidadá, de conformidade co disposto nesta Lei.

A intervención mínima esixe a ponderación, en cada caso, entre a finalidade pretendida e a posible afectación pola utilización da videocámara do dereito á honra, á propia imaxe, e a intimidade das persoas A utilización de videocámaras esixirá a existencia dun razoable risco para a seguridade cidadá, no caso das fixas, ou un perigo concreto no caso das móbiles.

Asimesmo, cabe recordar que a observancia da legalidade é un deber puramente obxectivo, derivado da vinculación positiva que de devandita legalidade resulta para ela. Se ben, este deber está instituido polo ordenamento non só con fins organizativos abstractos ou en función de intereses materiais colectivos, senón tamén, e preferentemente, como unha técnica de liberdade dos cidadáns, a través de actuacións lexítimas, isto é, cubertas ou amparadas pola Lei.

Así as cousas, o Consello de Contas de Galiza, procedeu á instalación das devanditas cámaras sen os preceptivos informes e autorizacións legalmente esixidos, co que se estaría producindo unha vulneración do principio de legalidade, coas consecuencias que iso tería. Polo tanto, para poder instalar cámaras de vídeo vixilancia no exterior do Consello de Contas de Galiza cumprirase co establecido na Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal, ao gravar imaxes e sons dos cidadáns que pasean por diante da súa sede. Por este motivo, o Movemento solicita, de novo, a inmediata retirada dos dispositivos.

0 comentarios:

Publicar un comentario