Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno desoe de novo a cidadanía ao oporse á medida cautelar que permitiría retirar as cámaras da estación de autobuses da Coruña

Written By Virgulino on 19/5/09 | 10:47


A avogacía do Estado vén de oporse ao recurso de apelación interposto polo Movemento no que a asociación solicitaba a aplicación da medida cautelar consistente na retirada das cámaras da estación de autobuses da Coruña instaladas en 2006. Así as cousas e polo momento, os dispositivos aínda seguirán a funcionar vulnerando dese xeito os dereitos da cidadanía. Ao respecto, o MpDC entende que a denegación da dita medida pode causar unha grave perturbación dos intereses xerais.

O pasado mes de abril o Movemento presentou un recurso de apelación contra a Delegación do Goberno tendo en conta que o xulgado contencioso n.º2 da Coruña denegou a adopción dunha medida cautelar solicitando a retirada dos dispositivos en cuestión. O colectivo polos dereitos civís presentou tal escrito contra a presunta desestimación por silencio administrativo do recurso extraordinario de revisión formulado contra a Delegación en relación coa instalación de videocámaras na estación de autobuses da Coruña.

O Movemento polos Dereitos Civís presentara xa, con anterioridade, unha demanda contencioso administrativa contra a Delegación do Goberno no caso das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas de xeito presumiblemente ilegal na estación de autobuses da Coruña. A Delegación ignorou repetidamente as peticións de información da asociación sobre a concesión e renovación do permiso para instalar os dispositivos. Perante este silencio administrativo o MpDC viuse na obriga de recorrer á Xustiza.

A asociación interesouse polo desenvolvemento do caso a raíz da publicación nos medios de comunicación da intención do Concello e a Policía Local de instalar un circuíto de vídeo-vixilancia na estación de autobuses da cidade. O Movemento seguiu con atención os feitos, dadas as implicacións que supón para cos dereitos fundamentais dos cidadáns o uso de cámaras nun espazo público. Así, dirixiu escritos ás institucións interesadas informándose sobre o cumprimentos dos trámites e garantías previstos pola Lei Orgánica 4/1997.

O resultado destas investigacións foi a constatación de que o Concello solicitara a autorización para as cámaras a posteriori da súa instalación. Non por habitual resulta menos grave o feito de que a Delegación do Goberno concedese de feito o permiso, coñecendo as circunstancias, a irregularidade que supuñan e a conseguinte vulneración dos dereitos dos cidadáns. Esta autorización, irregular por si mesma, permitía ó Concello e emprego das cámaras durante o ano, ó cabo do cal debía solicitar a renovación da devandita autorización.

Ante a pasividade coa que acolleu a administración as sucesivas peticións e escritos do Movemento sobre o caso, a asociación viuse na obriga de presentar unha demanda contencioso administrativa contra a Delegación. O Movemento solicita ó Xulgado que se proceda coa retirada inmediata das cámaras, perante as evidentes irregularidades cometidas polo Concello e pola Delegación. A asociación manifesta ademais a súa preocupación polo enésimo caso de comportamento irregular e falta de transparencia das administracións públicas, que deberan ser as primeiras en evitar a lesión dos dereitos fundamentais dos cidadáns.

0 comentarios:

Publicar un comentario