Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Cando se trata da cobizosa comunicación

Written By Virgulino on 3/5/09 | 11:00

Sorprende ver como se pode desvirtuar a funcionalidade propia dun dereito fundamental. Todos comprendemos perfectamente a importancia da existencia de medios de comunicación plurais e independentes. Esta é parte da herdanza máis palpábel logo de máis de tres séculos de reivindicacións pola liberdade de opinar, de recibir ou comunicar información.

RENATO NÚÑEZ (Editor do periódico En Movemento) A Constitución do Estado Español recoñece o dereito a poder emitir información pero, acto seguido, puntualiza que esta debe ser veraz. Nembargantes, isto non parece ser motivo para que algúns dos medios de comunicación de maior tirada/audiencia na Galiza opten por unha interpretación máis acorde coas, tan de moda, tendencias europeas ao amarillismo ou a vender escándalos en tanto que transmitir datos para o coñecemento da cidadanía.

O Tratado de Lisboa recoñece este dereitos, como non, mais eaquécese de algo moi importante: non esixe que esta sexa veraz. Así, calquera medio pode emitir opinión, ideas ou pensamentos sen ter que garantir o máis mínimo rigor despreocupándose así de garantir que a información emitida non é un simple rumor ou información sesgada que busca condicionar ou orientar o sentir da sociedade. En definitiva, manipular.

É certo que non son os únicos, pero non é menos certo que o fan con demasiado descaro evidenciando que o principio que orienta este dereito na tan “sagrada” Constitución non lles importa, ou dito doutro xeito, quue esta é simplemente unha ferramenta de poder.

Non é importante que os xornalistas sexan maltratados mentres cobren a información que se lles encomenda (nas protestas de Reganosa ou en Barcelona), chegando a casos extremos nos que son asasinados (Xosé Couso), non importa que a cidadanía lea ou escoite esta información de forma apresurada mentres almorza ou toma un café sen poder facer, xa que logo, una análise exhaustiva do que se lles di e confiando na profesionalidade destes medios.

O único imporante é a finalidade que se pode lograr coa información difundida, sen miramentos, sen pensar no dano que están a facer os ditos medios a un dereito que nin sequera se molestaron en reivindicar, xa o fixeron outros. Só se molestaron en compralo, utilizalo e celebralo neste mes de maio, mes no que se conmemora a liberdade de expresión.

1 comentarios:

Anonymous dijo...

Leo aquí que este día tres de maio celebrouse o día da liberdade de expresión. Grazas por intentar que se poida celebrar todos os días do ano. Bo traballo, MpDC.

Publicar un comentario