Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Retiran cámaras de video-vixiancia en Ferrol e Compostela despois de que o denunciara o MpDC

Written By Virgulino on 8/4/09 | 11:00


A delegación do Goberno en Galiza vén de comunicarse co Movemento ao respecto das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas onde os puntos de préstamo de bicicletas tanto en Compostela como en Ferrol. Sobre a petición de información solicitada polo MpDC, a delegación responde que na actualidade xa non existen as tales cámaras.

O Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento recentemente de que se estaba a proceder á retirada das cámaras de vídeo-vixilancia situadas nos puntos de préstamos público de bicicletas en Compostela. A asociación alertara da presenza destes dispositivos e denunciara que os usuarios e cidadáns podían estar sendo gravados de xeito ilegal e dirixiuse aos responsabeis das mesmas en Ferrol e Compostela solicitando a súa retirada. O MpDC interpreta esta retirada coma unha aceptación tácita das irregularidades cometidas na instalación polos responsables de Seguridade Cidadá de Santiago e da empresa municipal de transportes. A asociación celebra que se poña fin ó uso das cámaras, mais non deixara de esixir sancións polas lesións ós dereitos fundamentais producidas durante este emprego.

A asociación denunciara, a finais de 2008, a presenza de dispositivos de vídeo-vixilancia situados nestes puntos de préstamo. Dado que as cámaras se atopaban instaladas en espazos públicos, a súa instalación tiña que realizarse cumprindo coas garantías recollidas pola lei: unha autorización da Delegación do Goberno, o informe favorable da Comisión de Garantías, a inscrición dos ficheiros no Rexistro Xeral de Protección de Datos.

Tendo en conta os antecedentes en materia de vídeo- vixilancia e respecto dos dereitos dos cidadáns dos responsables de Seguridade Cidadá do Concello, o Movemento considerou necesario comprobar que todos as garantías se estaban a respectar neste caso. Para iso dirixiu escritos á Delegación do Goberno, á Axencia Española de Protección de Datos e ó propio Concello, coa intención de informarse sobre o procedemento seguido. Polo momento, a asociación non recibiu resposta de ningunha destas institucións, confirmando ou negando a existencia de irregularidades na instalación das cámaras.

Non obstante, a decisión de retirar o primeiro destes aparellos pode interpretarse perfectamente coma un tácito recoñecemento por parte dos responsables da súa instalación. Se cadra, e tendo en conta as sentenzas que declararon ilegal o emprego das cámaras na zona vella e esixiron a súa retirada, a Conselleira de Seguridade Cidadá prefira non ter que afrontar ulteriores demandas por lesións dos dereitos á intimidade e á propia imaxe. En calquera caso, comprobará se efectivamente se retiran as cámaras colocadas nos outros puntos de préstamo. Ademais, no caso de que se confirmasen irregularidades no procedemento de instalación, solicitara as oportunas sancións para as persoas responsábeis.

0 comentarios:

Publicar un comentario