Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Protección de Datos investiga actuacións ilegais en Vigo e Ferrol grazas ao Movemento

Written By Virgulino on 15/4/09 | 14:06


A Agencia Española de Protección de Datos vén de comezar as investigacións pertinentes ao respecto das denuncias que o Movemento lle presentou sobre as cámaras de vídeo-vixilancia instaladas na zona azul de Vigo e aquelas que se atopban na zona dos “aparcabicis” de Ferrol.

Deste xeito, a institución estatal inspeccionará para “determinar do xeito máis preciso posíbel”, afirman, as infraccións que no seu caso puidesen estar cometendo as administracións públicas e “identificando a persoa ou órgano que puidese resultar responsábel”, sinalan tamén. Asimesmo, desde Protección de Datos informan que fixarán, do mesmo xeito, as circunstancias relvantes que puidesen concorrer conforme a Lei de Protección de Datos de carácter persoal.

No que respecta ás cámaras de Ferrol, a asociación polos dereitos civís denunciara, a finais de 2008, a presenza de dispositivos de vídeo-vixilancia situados nos puntos de préstamo de bicicletas. Dado que as cámaras se atopaban instaladas en espazos públicos, a súa instalación tiña que realizarse cumprindo coas garantías recollidas pola lei: unha autorización da Delegación do Goberno, o informe favorable da Comisión de Garantías, a inscrición dos ficheiros no Rexistro Xeral de Protección de Datos. Recentemente o Movemento tivo noticia de que as cámaras foron retiradas e tal feito aconteceu logo de que o MpDC denunciase a súa instalación.

Por outra banda, no caso de Vigo, o Movemento tivo coñecemento da instalación na Rúa Venezuela das primeiras cámaras instaladas para controlar os aparcamentos da zona azul, o que supón unha vulneración do dereito á imaxe, á honra e á intimidade persoal. Tendo en conta que estes dispositivos deben ser instalados tendo en conta os dereitos fundamentais das persoas, así como os principios de proporcionalidade e intervención mínima, o MpDC esixe, ao igual que fixo e fai coas de Ferrol, a retirada de tales cámaras, para o que trasmitiu a correspondente queixa a Protección de Datos así coma ás partes implicadas, como son os concellos de Ferrol e Vigo.

0 comentarios:

Publicar un comentario