Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O periódico EN MOVEMENTO volve ao seu formato inicial

Written By Virgulino on 5/4/09 | 11:38


O periódico EN MOVEMENTO volve ao seu formato inicial despois dunha breve experiecia co xornal dixital GZnación. Porén, isto non implica un afastamento entre ambas as dúas publicacións, máis ben todo o contrario, pois nesta nova etapa seguiremos contando con novas e reportaxes elaboradas pola publicación dixital.

Con este número xa sumamos 17 exemplares, que corresponden a 18 meses, nos que o EN MOVEMENTO sempre estivo nas rúas e, ultimamente, nos quioscos transimitindo información social plural e dando a coñecer iniciativas e problemas referentes ao tecido asociativo galego. Desde os que teñen un traballo máis local, coma SOS Courel, até os máis amplos, como a CIG.

Neste novo períódo procuramos manter esta característica e acentuala, fomentando unha maior colaboración coas diversas iniciativas sociais existentes na internet galega. Neste sentido o EN MOVEMENTO acordou colaboracións con Galicia Confidencial, Komunikando, Galicia Solidaria, Revista Murguía ou DesConcierto para volcar información desas páxinas como material impreso, permitindolles, así, abrir novas canles de comunicación.

Estas vías de colaboración seguen abertas e continuamos estudando novas propostas que, agardamos, amplíen e fagan cada vez máis plural a información que publicamos.
Así, contamos con establecernos como un periódico de referencia social, que trasmita a información que outros xornais non recollen, e que non por iso son menos importantes; a información das organizacións que moven Galiza e non soamente a información que as grandes editoriais consideran que teñan relevancia. Se temos que escoller entre as declaracións dunha Miss, o nome do último peregrino que chegou a Compostela ou informar sobre unha sanción a calquera organización que defende os intereses dos seus veciños, escolleremos esta última pois entendemos que esta é a información relevante, a que transforma e move a realidade galega.

Tamén abrimos nesta nova etapa as portas á información histórica, política (centrándonos sempre nos asuntos que teñan que ver cós dereitos dos cidadáns) e cultural. Contaremos cun apartado de libros e música e unha sección onde varios avogados, xornalistas e representantes de asociacións de todo tipo analicen a situación dos dereitos dos cidadáns na Galiza, ampliando así a sección de opinión.

Desde o EN MOVEMENTO chamaremos a atención sobre eivas das administracións, autoridades ou institucións, buscando evidenciar o que hai que mellorar na nosa sociedade. Motivo polo que buscaremos apostar pola suscrición ao períodico para garantirmos, así, a súa autonomía e independencia, sen deixarmos, por suposto, a distribución gratuíta que permite a nosa presenza en entornos máis amplos.

0 comentarios:

Publicar un comentario