Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento recorre ao TSXG para que se retiren as cámaras da estación de autobuses da Coruña

Written By Virgulino on 7/4/09 | 12:08


A asesoría xurídica do Movemento polos Dereitos Civís vén de interpór un recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) logo de que se lle notificase recentemente un auto que desestimaba adoptar a medida cautelar consistente na suspensión do auto recorrido en relación coa instalación das cámaras da estación de autobuses da Coruña.

Para o Movemento, obter unha medida cautelar é froito dun dereito fundamental declarado polo Tribunal Constitucional e, polo tanto, non se poden opoñer á súa efectividade a invocación de meros intereses dunha administración. Ademais, o colectivo polos dereitos civís afirma que a denegación da dita medida pode causar grave perturbación dos intereses xerais.

A vontade do MpDC e da solicitude desta medida cautelar pretende privar da súa vantaxe abusiva ao Concello, que se aprecia desde o comezo do procedemento, así e como as súas inxustas vantaxes fácticas. En resumo, a resolución aplicada recentemente polo Xulgado do Contencioso n. 2 da Coruña e pola que o Movemento interpón recurso destila un trato de favor á Administración demandada non quedando asegurados mentres se dicta a sentenza os dereitos á honra, á intimidade e á propia imaxe tan reivindicados na actualidade e que a LOPD recoñece e desenvolve expresamente.

Por todo isto, o colectivo entende que debe estimarse a suspensión da resolución recorrida e sen decretarse a imposición de garantía ou de caución de ningún tipo pois, como é socialmente coñecido, non se atopan en igualdade económica o Concello da Coruña e a asociación Movemento polos Dereitos Civís, cando esta se preocupa por garantir que se cumpran eficazmente os dereitos e garantías dos cidadáns e, por suposto, resultaría desproporcionado suspender o auto recorríbel impondo tal caución cando non quedou acreditado por ningún medio os posíbeis preuízos que causaría ao Concello da Coruña a estimación da mesma.

Os antecedentes

A pesar de que o Regulamento de Videovixiancia pon como requisito - para garantir os dereitos recollidos no Artigo 18 da CE - que as solicitudes de permiso para a instalación de videocámaras deben ser solicitados e concedidos previamente a súa instalación, o Concello de A Coruña non solicitou permiso para a instalación das cámaras da Estación de Autobuses ate decembro do 2006 cando as cámaras xa estaban instaladas desde o mes de agosto, e soamente despois de que o MpDC denunciara publicamente esa ilegalidade.

Porén, o Xulgado do Contencioso n.3 da Coruña non condenou o Concello a retirar as cámaras pois a Delegación do Goberno concedeu eses permiso en febreiro do 2007, cando as cámaras xa levaban meses instaladas e vulnerando a normativa de videovixiancia, tal e como se admite na sentenza.

Resulta sorprendente, entón, que a Delegación do Goberno en Galiza autorizase esa instalación cando estaba avisada de que as cámaras xa estaban instaladas, pois o propio MpDC o puxo no seu coñecemento. A Delegación do Goberno, lonxe de tomar medidas sobre as cámaras instaladas de forma ilegal, atrasou a súa contestación varios meses, ata despois da súa autorización e, posteriormente, remitiu un escrito a Dereitos Civís alegando que as cámaras dispuñan dos permisos necesarios.

0 comentarios:

Publicar un comentario