Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Lugo pon a funcionar as videocámaras sen ter informado á AEPD da súa existencia

Written By Virgulino on 28/4/09 | 12:00


O Movemento polos Dereitos Civís quere asegurarse de que as cámaras de vídeo-vixilancia situadas nas salas museísticas luguesas de Porta Miñá e San Roque cumpren con todas as garantías previstas pola Lei de Protección de Datos. As cámaras deberían contar coa autorización correspondente da Delegación, previo informe da Comisión de Vídeo-vixilancia, e respectar todos os outros requisitos legais. Ao respecto, o Valedor do Pobo vén de comunicar ao Movemento que non hai tales cámaras instaladas e informa da intención de arquivar a queixa cando a realidade amosa o contrario.

Desde Dereitos Civís non é a primeira vez que se envía escrito ao Valedor para obter información sobre este asunto. Nunha ocasión anterior, a autoridade administrativa comunicou á asociación que se vira na obriga de presentar un segundo requerimento ao Concello de Lugo. O Goberno municipal negárase até o momento a facilitar o informe solicitado pola institución e ignorou a primeira petición trasladada dende o Valedor. Neste caso si responderon os inqueirmentos, mais informando da non instalación de dispositivos na ditas dependencias.

Ao respecto indican que as únicas cámaras instaladas son as que foron autorizadas pola Delegación do Goberno e que actualmente están pendentes da resolución da Agencia Española de Protección de Datos á hora de autorizar a creación do ficheiro no que gravar as imaxes que rexisten os dispositivos. Logo estas cámaras en cuestión non contan coa autorización pertinente e para máis ver, as que segundo o Concello si están instaladas aínda non contan co dito permiso. Entón, ábrese a cuestión de que procedemento segue o Concello para someter a video vixilancia a cidadanía.

Algúns concellos galegos semellan decididos a obstaculizar non só o lexítimo dereito de petición e acceso dos seus cidadáns senón tamén as iniciativas das institucións públicas que os representan e defenden, xa que o Valedor do Pobo ven de solicitar por segunda vez ao Concello de Lugo a presentación dun informe respondendo á solicitude do Movemento polos Dereitos Civís coa intención da asociación de comprobar se as cámaras situadas en varios museos da capital lucense contan coas autorizacións e informes pertinentes e só agora se manifestou o ente local.

Ademais, o goberno municipal que dirixe Xosé Luís López Orozco anunciou nas últimas datas a instalación de 72 novas cámaras de vixilancia no centro histórico de Lugo, que veñen sumarse ás xa existentes. O obxectivo do Concello é ao parecer o de frear os actos de vandalismo contra os edificios con valor histórico e artístico da cidade. Porén, un requisito indispensable para o emprego da vídeo-vixilancia e a proporcionalidade no seu uso, xa que milleiros de persoas serán gravadas cada día polas cámaras, vendo expostos o seu dereito á intimidade, á honra e á propia imaxe.

0 comentarios:

Publicar un comentario