Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Local social Aturuxo: "O sistema borra a solidariedade da sociedade tradicional galega e fomenta o egoísmo"

Written By Virgulino on 10/4/09 | 11:00


Aturuxo, local social de Boiro, chega ao seu primeiro ano de vida, doce meses dinamizando a comarca da Barbanza a través de moitas e moi variadas iniciativas. Conversamos con algunhas das persoas integran este vizoso colectivo para recoller as súas impresións do camiño que xa levan percorrido, dos obxectivos que se cumpriron e dos retos que teñen por diante.

P: Por que nace Aturuxo?
R: A idea de crear un centro social naceu pola relación que estudantes da comarca tivemos con outros proxectos parecidos que se están a desenvolver principalmente nas cidades e grandes vilas do noso país. Valoramos moi positivamente o papel destes espazos e o seu labor. Foi por iso que un grupiño de xente comezamos a propor a posibilidade de facermos
algo semellante en Boiro.

P: Por que un local social?
R: Coa poboación da comarca da Barbanza, e coa problemática que hai de especulación urbanística, de turistificación descontrolada, alén do generalizado consumismo desproporcionado, da vixencia do patriarcado, da precariedade laboral... unido a unha asimilación cada vez maior dos padróns capitalistas de individualismo ou competitividade, consideramos necesaria e urxente unha alternativa.

P: Cal é a situación da comarca a nivel asociativo?
O nivel de asociacionismo e os movementos populares a nivel xeral (non é apenas unha situación comarcal ou nacional) deixa bastante que desexar nas sociedades contemporáneas, froito do individualismo e desestruturación que fomenta o capitalismo.
Alén disto, a Barbanza ten unha situación relativamente boa, con varias asociacións veciñais, e con colectivos activos como o traballo que fan a asociación cultural Bastantes Llon, ou nós
en Boiro.

P: Cales foron ou son os vosos referentes?
R: En principio, os centros sociais do país como a Casa Encantada ou a Gentalha do Pichel, mais agora estamos procurando novas formas, xa que nas vilas debe desenvolverse un modelo propio, máis achegado ao rural.

P: Cales son as características que vos definen como promotores do asociacionismo barbanzán?
R: Non temos aspiración de vangarda de ninguén, mais consideramos que organizarse é o primeiro paso dun camiño longo aínda que imparábel. O feito de xuntar a mocidade e promover a autoxestión do noso lecer é importante, mais fomentar valores alternativos é imprescindible tanto a nivel comarcal coma nacional.

P: Cantas persoas estades implicadas no colectivo?
R: O traballo diario levámolo ao redor de quince persoas, mais cando organizamos un acto máis grande tamén colaboran o resto das persoas socias –unhas cincuenta- e moita outra
xente da comarca.

P: Cales son os vosos obxectivos? Agora que facedes un ano, son diferentes dos iniciais?
R: Ao inicio, marcámonos como obxectivo ter o local, mais agora que o temos é só unha ferramenta. Normalizar o monolingüismo social en galego e promover a nosa cultura son os alicerces do proxecto, aínda que tamén o lecer alternativo (xogos populares, foliadas...) e ir creando espazos propios e libres.

P: que proxección ten Aturuxo na comarca?
R: Por agora traballamos básicamente a nivel local, mais sempre falamos en clave nacional. Colaboramos con asociacións de outras vilas e procuramos difundir a nosa actividade.

P: que tipo de actividades realizades?
R: Organizámonos de xeito asembleario e abrimos para todo o mundo durante as fins de semana. Celebramos xornadas de debate e formación, actividades lúdicas, ofrecemos unha
pequena biblioteca no local, matra- quilho... Proxectamos filmes e documentais, organizamos charlas, festas populares como o Magosto ou o Entroido...

P: Custa moito implicar a xente nova nun proxecto asociativo de carácter nacionalista e de esquerdas? e á xente non tan nova?
R: Custa implicar a xente. O sistema actual borra a solidariedade da sociedade tradicional galega e fomenta o egoísmo. Algunha xente pensa que o común non lle é propio. O noso non
é voluntariado, é militancia.

P: Cales son os principais atrancos que ten Aturuxo no seu día a día?
R: A cuestión económica limita os nosos movementos e por veces determina as nosas actividades, enfocadas á subsistencia. Tamén temos bastante control policial, pero por agora non funciona nin como intimidatorio.

P: Compartides a vosa experiencia con outros centros sociais do país?
R: Tivemos recentemente un encontro de Centros Sociais con xente de outros locais do país e foi moi produtivo. Certamente achamos interesante o convivio e posta en común de diferentes proxectos, e a visión nacional dos centros sociais como referencia de movemento.

P: Cales van ser as principais liñas de traballo neste ‘Ano II’?
R: Continuarmos coa nosa actividade como até agora. Tamén tiñamos idea de comezar a facer obradoiros durante o curso, en especial darlle bastante caña ao conflito lingüístico. Está a haber unha ofensiva españolista moi forte e temos que defender o noso idioma.

0 comentarios:

Publicar un comentario