Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Ante a nova negativa de Bugallo a facilitar expedientes ilegais da policía local, o MpDC esixe unha sanción económica

Written By Virgulino on 4/4/09 | 11:00

Este venres día 3 de abril, un colaborador do Movemento polos Dereitos Civís volveu presentarse nas dependencias municipais e policiais, requirindo o cumprimento dunha sentenza e, polo tanto, solicitando o acceso a uns expedientes, ao que se lle contesta non ter coñecemento da sentenza nin da obriga de permitirlle acceder aos arquivos e expedientes anteriormente citados.

A entidade local volve, daquela, e por terceira vez desde que se abrise o procedemento xudicial, a non facilitar a un cidadán todos os arquivos que figuran nas dependencias municipais referidos á súa persoa. Deste xeito, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, volve dar mostras do seu talante escurantista e falto de diálogo ao obviar o cumprimento dunha sentenza desfavorable e que pon de manifesto a escasa confianza que pode transmitir aos cidadáns. Queda claro, desde todo o procedemento, e en especial na fase de execución da sentencia a actitude totalmente pasiva por parte de dita Administración, incumprindo reiteradamente a resolución xudicial, en concreto a Sentenza de 8 de febreiro de 2008.

A isto temos que engadirlle que, para poder ir solicitar o acceso a ditos expedientes, o afectado tivo que perder de traballar, o que a nivel persoal e económico provoca unha perda patrimonial, ao descontárselle os días do seu soldo. Por todo isto, entendemos se lle debería impór a multa de 1502,53 € ó Concello de Santiago, máis 250 euros en concepto de responsabilidade civil polos días que o dito cidadán perdeu de traballar para acudir a dita administración para solicitar o acceso aos expedientes que lle foron reiteradamente denegados.

Estamos, pois, ante unha conducta de obstrución á xustiza por parte do Concello de Santiago, facendo omisión das obrigas legais recollidas na sentenza anteriormente mencionada, e por outra banda estamos ante unha actitude claramente desoladora, en tanto que a pretensión de dita administración é dar a ver que non teñen coñecemento de dita sentenza para que esta persoa remate por non volver solicitar o cumprimento da resolución xudicial anteriormente mencionada.

Os antecedentes

O proceso xudicial iniciouse logo de que o MpDC presentase unha denuncia contra o Concello por negar o dereito de acceso a un veciño e colaborador da asociación que solicitara unha copia de todos os arquivos e expedientes que obrasen no poder da entidade local referidos a si propio. O alcalde compostelán dera conta nunha contestación ao Defensor del Pueblo, a raíz dunha queixa contra un axente municipal, da existencia de arquivos na Policía Local sobre o afectado.

En data 14 de novembro e 28 de novembro dese mesmo ano, o MpDC enviou escrito ao Concello de Santiago solicitando que procedese a cumprir de xeito inmediato co disposto na sentencia ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número dous de Santiago de Compostela de 8 de febreiro de 2008, e por tanto se facilitase ao afectado, en dependencias municipais, copia dos arquivos e expedientes existentes tanto nas dependencias municipais como na Policía Local, a nome do interesado , dirixidas ao Concello de Santiago os días 15 de xuño de 2005 e 1 de xuño de 2006.

Con posterioridade ás ditas datas, en varias ocasións a persoa implicada presentouse nas dependencias tanto do Concello como da Policía Local coa finalidade de acceder ós expedientes respondéndolle a Administración executada o non coñecemento sobre dita sentenza nin sobre a obriga de darlle acceso ós expedientes. Ante os ditos feitos, o Xulgado volve notificarlle a execución de dita Sentencia ó Concello , e por tanto a obrigación de cumprir dita Sentenza, sendo recibido pola Secretaria de dito Concello o 27 de Marzo de 2009.

0 comentarios:

Publicar un comentario