Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Opinón/ Equus Zebra: "Non fixen nada malo"

Written By Virgulino on 29/3/09 | 13:20

A Organización Non Gubernamental Equus Zebra elaborou para o MpDC un artigo de opinión acerca das últimas detencións de inmigrantes en Madrid. A dita asociación é un colectivo "comprometido coa pobreza e a exclusión social no mundo e sobre todo coa defensa dos inmigrantes". A súa sede está na Coruña.

“Non fixen nada malo”. Son as palabras de calquera inmigrante que é detido por intentar gañar a vida nas rúas de España, un país ao que chegou xogando a vida no mar, cruzando un valado, percorrendo centos de quilómetros ou cruzando o Atlántico coa incerteza como equipaxe. Non entende. Non é capaz de comprender por que, polo mero feito de vender un artigo nunha esquina ou andar tranquilamente pola rúa, é detido e levado a unha comisaría baixo o suposto de “delincuente”.

O inmigrante coñece a diferenza entre roubar e vender, e el “non rouba”. Aos que tratamos diariamente con estes casos en asociacións que traballan no campo da inmigración xa nos resulta difícil facerlles comprender que a lei considera un delicto a venda de CDs, pero como explicar que en cidades como Madrid só pasear sen ter papeis pode levarte directamente a comisaría?

A desconfianza habitual en quen se sente un completo estraño fóra da súa contorna convértese en medo, un medo que rodea toda a súa existencia. E desgraciadamente, as ONGDS vemos que, ese medo, estase vendo xustificado pola indiscriminada persecución á que se están vendo sometidos os inmigrantes no noso país. Situacións que, até agora, viamos con inquietude en países veciños como Italia e Francia, e parecen querer implantarse en España da man dun Goberno que fai dubidar da súa bandeira a favor das políticas sociais.

Non pode senón cualificarse de “antisocial” e “completamente ilegal” a orde de deter inmigrantes sen papeis de forma indiscriminada na Comunidade de Madrid para cumprir cotas que, a día de hoxe, non se sabe de que cargo do Ministerio do Interior partiron. A pesar das rectificacións dos dirixentes policiais, o certo é que se seguen producindo redadas ilegais en diversos puntos do país e por esa razón máis de 200 organizacións secundamos unha denuncia pública ante a Fiscalía Xeral do Estado. Na actual conxuntura económica, parece que é o colectivo inmigrante, un dos máis prexudicados polo desemprego, o que ten todas as de perder.

Á recentemente coñecida redución orzamentaria do Fondo de Inmigración (pasa dos 200 millóns de euros iniciais a 141 en materia de integración), que supón un recorte de políticas sociais e a consecuente diminución do dereito de igualdade de oportunidades, únese unha “cuestionable” reforma da Lei de Estranxeiría.

Os aspectos positivos desta norma como a concesión co reagrupamento familiar dunha autorización de residencia e traballo ás persoas reagrupadas, a posibilidade de que as ONGDS poidan entrar nos Centros de Internamento de Estranxeiros ou a posibilidade dunha saída voluntaria previa ao incoamento de procedementos de expulsión para persoas en situación de irregularidade administrativa quedan solapados polas medidas restritivas que inclúe: a limitación do reagrupamento familiar para os ascendentes dos residentes aos que leven 5 anos en España, o aumento do prazo de estancia nos centros de internamento de estranxeiros ata os 60 días e a posibilidade de repatriar menores inmigrantes a países onde é moi discutible que se poidan garantir os seus dereitos. A última delas, sancionar con multas de ata 10.000 euros, a todo o que axude a unha persoa en situación irregular, pode converter á española nunha sociedade de espías, na que uns sexan sospeitosos de delito só por socorrer e facilitar a vida aos inmigrantes e outros chivatos ao servizo do sistema persecutorio creado polo Estado. Con iso criminalízase un fenómeno, o da inmigración, que achega profundos valores positivos ao conxunto da poboación española.

0 comentarios:

Publicar un comentario