Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O xulgado acepta varias probas requeridas polo MpDC en relación coas cámaras do Marco

Written By Virgulino on 17/3/09 | 11:54


O Movemento polos Dereitos Civís recorre a providencia do Xulgado do Contencioso Administrativo nº4 da Coruña no relativo ás cámaras de seguridade instaladas nos exteriores do museo de arte contemporánea de Vigo (Marco) na que se inadmite a maioría da proba documental solicitada por esta asociación.

Ademais, faise especial fincapé en que o Xulgado requira á Policía Nacional e á Policía Local que achegasen informes, estudos e índices de violencia, delincuencia e criminalidade en Vigo e que xustifiquen o principio de proporcionalidade preciso para a instalación das ditas cámaras de seguridade.

Así as cousas, no Preámbulo da Lei orgánica 4/1997 de 4 de agosto que regula a ultilización de videocámaras polas forzas e corpos de seguridade en lugares públicos, expresamente indícase que as garantías que introduce a presente lei no que respecta ao uso de sistemas de gravación polos ditos corpos policiais parte do establecemento dun réxime de autorización previa para a instalación de videocámaras inspirado no principio de “proporcionalidade, idoneidade e intervención mínima”.

Isto é, que só poden empregarse os sistemas de gravación cando sexa axeitado, preciso e nunha situación concreta coa finalidade de manter a seguridade cidadá. Do mesmo xeito, a intervención mínima esixe a ponderación entre a finalidade pretendida co uso das videocámaras e o dereito á honra, intimidade e propia imaxe das persoas. En terceiro lugar, o emprego das cámaras esixirá a existencia dun razonábel risco para a seguridade cidadá, no caso das cámaras fixas.

Noutra orde de cousas, o Movemento entende que se vulnera o principio de igualdade ante a lei no que respecta á Lei 4/1997 anteriormente citada, que obriga a que o uso das cámaras estea precedido polo principio de proporionalidade, polo que ao colectivo non lle parece axeitado considerar como válida a providencia obxecto do presente recurso na que se inadmiten probas “clave” para a determinación de que as ditas cámaras cumpren con todos os requisitos expostos e recollidos na Lei 4/1997 así coma cos presupostos para a súa instalación.

O Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento a finais do 2007 da presenza de cámaras de vídeo-vixilancia cun radio de gravación de 360º ó redor do edificio do MARCO, que rexistraban imaxes do entorno do museo e da céntrica Rúa Príncipe.

A asociación púxose en contacto coa Delegación do Goberno, coa Axencia Española de Protección de Datos e co propio MARCO para asegurarse de que a instalación das mesmas se realizara cumprindo cos requisitos previstos na Lei 4/97 e no Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real Decreto 596/1999, que estruturan a utilización de videocámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade en lugares públicos. O MpDC solicitou asimesmo que, no caso de que non existisen os informes e autorizacións pertinentes, a Delegación procedese á retirada das cámaras.

A Delegación do Goberno informou en xullo dese mesmo ano de que non tiñan constancia de ningunha solicitude de instalación de dispositivos de vídeo-vixilancia. Sorprendentemente, informou tamén de que non consideraba que concorresen as circunstancias necesarias para aplicar a Lei 4/1997 e rexeitaba a solicitude de retirada das cámaras. O edificio do MARCO debe ser considerado ben público, espazo no que a instalación de cámaras está reservada ás Forza de Seguridade segundo os presupostos da mencionada lei.

0 comentarios:

Publicar un comentario