Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC esixe a Urbaser que esclareza a instalación de cámaras de vídeo-vixilancia na sede da empresa en Redondela

Written By Virgulino on 31/3/09 | 10:18


Segundo tivo coñecemento o MpDC, a empresa de recollida de lixo Urbaser instalou cámaras de vídeo-vixilancia na nave-garaxe que ten en Redondela. Ante tales feitos, o colectivo polos dereitos civís solicita á empresa que informe sobre o grao de enfoque ou ángulo de vsión das cámaras situadas no exterior da nave de Redondela e pide ademais á dita empresa o cumprimento da normativa imperante tanto en materia laboral coma de protección de datos, así como que manteña o colectivo informado de todas as novidades que se produzan neste asunto.

Tal e como informaron ao MpDC, a finalidade dos dispositivos é a de vixiar os seus traballadores colocando unha no interior da nave e outra no exterior. Segundo os datos proporcionados ao Movemento, a cámara exterior está enfocando un campo bastante amplo, que inclúe uns 5 metros de beirarrúa, o arcén e un dos carrís da N-550.

Ademais, o Movemento solicita que Urbaser informe se o responsábel do ficheiro das imaxes gravadas ten inscrito tal arquivo no Rexistro Xeral de Protección de Datos da Axencia Española de protección de datos, así como que tamén dea a coñecer se a empresa que instalou as cámaras dispón da licencia correspondente.

Tal e como puido saber o Movemento, as cámaras foron instaladas o 26 de febreiro. Aínda que o feito de estaren colocadas e funcionando se deu a coñecer días mais tarde aos traballadores. Segundo o artigo 33 da Lei de Prevención de Riscos laborais a empresa ten que informar da instalación de novas tecnoloxías en relación coa seguridade e a saude laboral, feito que aconteceu posteriormente á colocación.

Asistimos nas últimas datas a un auténtico proliferar destes dispositivos de control, instalados a miúdo sen as garantías imprescindíbeis para os dereitos dos cidadáns. O Movemento polos Dereitos Civís invita de novo a organismos e empresas a adecuarse en primeiro lugar á lexislación existente, e a reflexionar, ademais, sobre a necesidade real de empregar un medio tan agresivo en lugares non particularmente perigosos. Deberá ser, por outra banda, a propia administración a que tome medidas para garantir que este novo e desmesurado culto á seguridade non acabe lesionando os dereitos dos cidadáns.

O MpDC lembra que se ha de respectar de modo rigoroso o principio de proporcionalidade, é dicir, que as cámaras se instalen e se usen cando sexa a medida máis idónea para os fins que se perseguen, ademais de lembrar que non poderán usarse estes medios para fins distintos dos propios de control laboral nos espazos indispensábeis para tal obxectivo tendo en conta, claro está, o dereito á propia imaxe dos traballadores e traballadoras da empresa.

0 comentarios:

Publicar un comentario