Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC esixe a retirada das cámaras de vídeo-vixilancia instaladas nos exteriores do Consello de Contas de Galicia

Written By Virgulino on 28/3/09 | 13:17


O Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento recentemente de que nos exteriores do Consello de Contas de Galicia -situado na rúa compostelana Domingo Fontán- están instaladas varias cámaras de videovixilancia fixas, o que supón unha vulneración do dereito á imaxe, á honra e a intimidade persoal.

Tendo en conta tales feitos, esta asociación está a contactar co Consello de Contas e coa Delegación do Goberno en Galiza para procurar o esclarecemento dos ditos feitos que o MpDC considera de vital importancia para a cidadanía. Así as cousas, no suposto de que o Consello de Contas de Galicia procedese á instalación de ditas cámaras sen os preceptivos informes e autorizacións legalmente esixidos, estaríase producindo unha vulneración do principio de legalidade, coas consecuencias que eso tería.
Xa que logo, o Movemento solicita que o Consello de Contas de Galicia acredite, mediante calquera proba, que as cámaras instaladas no exterior cumpren con todos os requisitos esixidos polas normas, é dicir, que se axustan ao principio de proporcionalidade, que contan coa autorización da Delegación do Goberno e tamén posúen o informe favorable da Comisión de Garantías.
Desde o MPDC defendemos que deben primar sempre os dereitos fundamentais á honra, á intimidade e á propia imaxe así como o resto dos dereitos recollidos na Constitución española. O carácter perigoso e limitativo de Dereitos deste tipo de medidas de seguridade figura expresamente recollido nos preámbulos da normativa vixente (LO 4/1997).
Ademais, o colectivo polos Dereitos Civís esixe que se remitan os informes nos que se baseou a o Consello de Contas para proceder á instalación de ditas cámaras e por tanto xustificou o principio de proporcionalidade e que se informe a esta parte sobre quen ten encomendada a custodia das imaxes, así como que mecanismos de control se prevén para garantir os Dereitos dos cidadáns.
Neste sentido, o Movemento tamén solicita que se achegue a solicitude de autorización da instalación das cámaras nos exteriores do Consello de Contas de Galicia á Delegación do Goberno. Se ben, a finalidade última é que se proceda á retirada dos dispositivos instalados nos exteriores do Consello de Contas.

0 comentarios:

Publicar un comentario