Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC condena a actuación policial nas concentracións de estudantes en Barcelona

Written By Virgulino on 21/3/09 | 13:12


O Movemento polos dereitos civís súmase ás múltiples condenas feitas públicas logo da actuación desproporcionada e desmesurada dos Mossos d´Esquadra durante as concentracións de estudantes celebradas en Barcelona en días pasados.

Tamén preto de 3.000 estudantes se manifestaron de novo este xoves en Barcelona en protesta polas cargas policiais. Durante os últimos días foron varias as marchas que se sucederon na cidade contra a futura Lei de Educación Catalá (LEC) e contra o Plan Boloña.

A condena á actuación dos Mossos d'Esquadra na xornada de disturbios do mércores en Barcelona entre estudantes e axentes foi unánime. O resultado de tal “actuación” ascende até 81 feridos de distinta consideración, entre eles estudantes, xornalistas até 30 segundo o Col•legi de Periodistes de Catalunya, transeúntes e axentes antidisturbios até 35, segundo fontes policiais. Ademais practicáronse sete detencións, seis pola mañá e unha pola noite.

As mostras de rexeitamento á "desproporción" da resposta policial formuláronse desde distintos ámbitos da sociedade catalá. O Col•legi e o Sindicato de Xornalistas de Catalunya emitiron senllos comunicados nos que piden responsabilidades polas agresións a xornalistas. Ambas as dúas entidades, xunto a outras asociacións profesionais, convocaron para hoxe unha concentración de repulsa ante o Palau da Generalitat.

Pola súa banda, o Movemento polos Dereitos Civís considera que a desproporcionada e violenta intervención policial perpetrada contra os manifestantes en Barcelona constitúe un tentativo global de amedrentar a sociedade para que non saia á rúa e de atentar contra os seus dereitos fundamentais.

0 comentarios:

Publicar un comentario