Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Ares intenta deslexitimar o MpDC

Written By Virgulino on 14/3/09 | 12:31


O concello de Ares contestou a demanda interposta polo Movemento deslexitimando a asociación por crela non autorizada a intervir no procedemento aberto contra el. Outras acusacións infundadas coma esta tamén se recollen na dita resposta. Cabe lembrar que o MpDC denunciou o Concello pola instalación de cámaras de vídeo-vixilancia no municipio.

Segundo a administración local, o Movemento polos Dereitos Civís ten unha “falta de lexitimación activa”, xa que “a participación no procedemento debería realizarse na defensa de intereses lexítimos”, din, e, no caso de asociacións, “que as mesmas estean legalmente habilitadas” para a súa defensa. Ao respecto, o colectivo pregúntase se a defensa do dereito á imaxe das persoas non é lexítimo. Ademais, hai que subliñar que esta afirmación provén dunha administración pública.

No mesmo sentido, afirman que unha asociación, polo mero feito de selo, non pode exercer un control da legalidade “cando non é parte implicada”. Ante isto, o Movemento non pode se non lembrar unha das súas principais preocupacións, que son os dereitos civís e a defensa dos mesmos. O consistorio afirma que a asociación non se viu agraviada e a tal efecto afirma que si entendería a demanda se un veciño ou veciña a interpuxese. Con tal afirmación rexeitan a existencia e o traballo de colectivos coma o MpDC.

Para máis ver, o Concello apunta que “non se pode” considerar a administración municipal como responsábel, e se se fai, “tamén debería estenderse á Comisión de garantías de video-vixilancia”, din. O colectivo entende que Ares debería preguntarse quen colocou as cámaras (o propio Concello) antes de deixar constancia de tales despropósitos. Pola súa banda, o Xulgado do Contencioso Administrativo nº2 da Coruña procederá a abrir o pleito a proba para que ambas as dúas partes poidan presentar as que consideren oportunas.

O Movemento polos Dereitos Civís presentou, no seu momento, unha denuncia na Fiscalía da Coruña contra o Concello de Ares pola instalación ilegal das cámaras de vídeo-vixilancia no exterior da Casa Consistorial colocadas, segundo o municipio, para “evitar pintadas na fachada do Concello”.

O uso das cámaras para tarefas de seguridade ha de estar perfectamente adecuado á Lei 4/1997 de 4 de agosto, xa que o seu emprego debe responder aos principios de idoneidade e de intervención mínima, por tratase de medios cos que facilmente se poden producir interferencias inxustificadas na intimidade das persoas. Por esta razón, o uso das cámaras ha de ser a última opción en materia de seguridade, coa fin de evitar a vixilancia omnipresente e impedir a vulnerabilidade da persoa.

0 comentarios:

Publicar un comentario