Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A ineficacia de Protección de Datos segue a deixar sen sanción vulneracións de dereitos fundamentais

Written By Virgulino on 8/3/09 | 13:18

En ocasión semella que os organismos encargados de velar pola tutela dos dereitos dos cidadáns son os máis reticentes a sancionar certos comportamentos ilegais. Nalgúns casos, nin sequera contar cun documento que supón practicamente unha confesión por escrito dun atentado contra o dereito á intimidade garante unha intervención decidida da Axencia de Protección de Datos. Este organismo parece querer escudarse en discutibles interpretacións e en retorcidos razoamentos legais para evitar cumprir coa súa obriga na defensa dos dereitos. Presentamos aquí un claro exemplo, adianto do Informe 2008 do Movemento polos Dereitos Civís: un caso que se prolongou durante varios anos ata resolverse, sen sancións para os infractores, o pasado 2008.

Referímonos a un caso tristemente sintomático dunha problemática ao parecer relativamente habitual en certas empresas que prestan servizos de atención telefónica. En concreto, o MpDC reclamara, fai agora tres anos, a atención da AEPD e da Fiscalía sobre as actuacións da empresa con sede en Ourense Call Center Office Depot. Aínda que finalmente non existiron sancións contra esta empresa, o Movemento considera que as investigacións do caso determinaron con claridade a existencia de irregularidades no seu comportamento polo que se refire ao cumprimento da Lei Orgánica de Protección de Datos.

O MpDC involucrárase no caso a raíz de varias denuncias dos feitos recibidas pola asociación. Tratábase de denuncias anónimas ou, en calquera caso, de traballadores da propia empresa que temían represalias por parte dos seus superiores. Estas persoas denunciaban que era unha práctica común na empresa o escoitar ou gravar as conversacións entre os traballadores e os usuarios do servizo. Advertían tamén de que os traballadores non autorizaran estas prácticas e de que o usuario non viña advertido de que as súas conversas estaban sendo rexistradas.

Estes feitos foron denunciados a mediados de 2006 polo Movemento, que dirixiu dous escritos á AEPD e á Fiscalía de Ourense. As prácticas denunciadas supuñan unha vulneración do recollido na Lei Orgánica de Protección de Datos e constituían unha violación do dereito á intimidade dos empregados e os clientes.

Sen importarlle o feito de que existise un temor lóxico que motivaba o anonimato dos denunciantes, a Fiscalía insistiu en contar co nome destas persoas. Así mesmo, tanto ela coma a AEPD solicitaron ao Movemento que facilitase números de teléfono que a empresa en cuestión estivese a xestionar, e que puidesen estar sendo suxeitos a gravacións ilegais. Aínda que non parece responsabilidade da asociación o desenvolver estas actividades investigativas cando existen indicios delitivos, o Movemento puido finalmente facilitar información sobre números xestionados por Call Center Office Depot. Entre estes se atopan servizos particularmente sensibles, tales coma o número de protección a menores da Xunta, ou número de atención a maiores, ademais dos servizos de atención ao cliente de varias empresas.

Ademais, o Movemento confirmou gracias a varias fontes sindicais que a gravación e a escoita das conversas era unha práctica habitual da empresa. Así mesmo, a asociación tivo acceso a un documento interno da propia empresa no que se recoñecía implícita e explicitamente o emprego destes métodos para supostamente mellorar a formación dos empregados e para asegurarse de que estes cumprían coas súas obrigas.

A pesar de todas estas probas e datos, a Fiscalía paralizou nunha fase moi inicial as súas investigacións, mentres a AEPD iniciaba as actuacións previas. O MpDC tivo que dirixirse en varias ocasións a este organismo para solicitar información sobre o estado das investigacións, ante a duración das actuacións e falta de respostas por parte da AEPD. Finalmente, máis dun ano despois da denuncia do Movemento, a AEPD informaba do resultado das súas investigacións e declaraba, sorprendentemente, a súa intención de proceder ao arquivo das actuacións.

Ao longo das investigacións, a AEPD determinara que a empresa contaba cuns aparellos telefónicos preparados para rexistrar as conversacións mantidas a través dos mesmos. A axencia comprobou tamén que usuarios de servizos particularmente delicados coma os xa sinalados non eran advertidos do posible emprego e recollida de datos persoais, tal e como en cambio esixe a Lei no seu artigo 5. A empresa asegurou pola súa banda que non se procedía a gravar nin escoitar as conversas, aínda que non se descartaba o recurso a esta práctica nun futuro.

A pesar de contar con estas evidencias, con múltiples testemuñas e cun texto da propia empresa no que se recoñecen estas prácticas ilegais, a AEPD considerou que non era procedente sancionar actuacións ilegais previstas e planificadas por parte da empresa pero, segundo a Axencia, non realizadas. Aínda que o Movemento recorreu esta decisión incomprensible, a AEPD escudouse na presunta ausencia de probas que demostrasen que efectivamente se levaran a cabo gravacións. A axencia tamén se apoiou na paralización das investigacións por parte da Fiscalía, sen ter en conta que este arquivo de actuacións se producira ao inicio do caso e que o Movemento solucionara xa os defectos que o motivaran.

Trátase en definitiva dun caso de particular gravidade, no que unha empresa atentou contra os dereitos dos seus traballadores e dos usuarios, ignorando a normativa de protección de datos. A pesar das sucesivas reclamacións do Movemento polos Dereitos Civís, o caso pechouse o pasado 2008 sen que se producisen sancións de ningún tipo. Será necesario nun futuro que a Axencia Española de Protección de Datos afronte con máis decisión as funcións das que é responsable, e que se dote se fose necesario das competencias e potestades para investigar e sancionar seriamente actuacións tan graves coma as que nos ocupa.

0 comentarios:

Publicar un comentario