Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Admiten a trámite dúas demandas contra a Delegación do Goberno por novos casos de vídeo-vixilancia en Compostela

Written By Virgulino on 9/3/09 | 10:52

O Xulgado contencioso administrativo número 4 de A Coruña admitiu a trámite dúas demandas interpostas contra a Delegación do Goberno en relación coa vídeo-vixilancia en Compostela. O Movemento polos Dereitos Civís presentara dous recursos contra as resolucións da administración en dous novos casos de instalación irregular de cámaras en Santiago. Trátase de dispositivos colocados no exterior das sedes do Centro Galego de Novas Tecnoloxías e da Escola Galega de Administración Pública, que están a gravar a vía pública e interfiren no dereito á intimidade dos cidadáns.

O Xulgado informou á asociación demandante da admisión a trámite de entrambas as demandas. Así mesmo, reclamou á Delegación do Goberno en Galiza o expediente administrativo do caso. A administración ten a obriga de remitir o expediente ao xulgado nun prazo de vinte días, de xeito que a Xustiza poda estudar as posibles irregularidades do caso.

O Movemento polos Dereitos Civís presentara escritos perante a propia Delegación e os dous organismos involucrados, solicitando información sobre o cumprimento durante o proceso de instalación das cámaras de todas as garantías previstas pola lei. A Delegación desentendeuse do caso, a pesar da transcendencia dos dereitos fundamentais en xogo, aducindo que ao tratarse de dispositivos colocados por organismos privados non era necesario para o seu funcionamento dispoñer dunha autorización concedida pola propia Delegación. Ao mesmo razoamento aferráronse o CGNT e a EGAP, afirmando que nesta caso non era aplicable a Lei Orgánica 4/1997 que regula o uso de vídeo-vixilancia no espazo público.

Non obstante, todas estas institucións decidiron obviar o feito de que as cámaras están a gravar en realidade a vía pública, interferindo no dereito á intimidade e á propia imaxe de todas as persoas que transitan polas inmediacións das sedes destes organismos. Dende o momento en que os dispositivos rexistran o espazo público, a Lei 4/1997 reserva o seu emprego ás Forzas e Corpos de Seguridade, e establece unha serie de procedementos e garantías para protexer os dereitos fundamentais que puideran verse afectados. O Movemento polos Dereitos Civís espera que as investigacións xudiciais sirvan agora para determinar se estas garantías foron respectadas nestes casos, e que de non ser así o Xulgado ordene a inmediata retirada das cámaras.

0 comentarios:

Publicar un comentario